sábado 06/03/21

A Coruña deixa de ser a única cidade da Galiza que carecía dunha ordenanza do galego

Aprobada no Pleno sen ningún voto en contra.

 

galego
Concentración ás portas do Concello da Coruña da Mesa mentres se debatía a proposta (Foto: MNL)

A Coruña era até hoxe a única das 7 cidades galegas que non contaba cun documento específico para regular e potenciar o uso do noso idioma na institución municipal. Unha votación esta quinta feira puxo fin no pleno do Concello coruñés a esa anomalía. Votaron a favor  PSOE, BNG, Marea Atlántica e a concelleira non adscrita Isabel Faraldo. O PP abstívose e non houbo votos en contra.

Desde o BNG da cidade indican que esta Ordenanza do Galego é produto “do impulso político do BNG, que a incluíu como obxectivo no Acordo de Investidura asinado co grupo socialista en xuño de 2019”. 

“Hoxe é un día verdadeiramente emocionante. Hoxe corriximos un déficit histórico do Concello da Coruña co galego”, dixo Avia Veira no pórtico da súa intervención. Déficit institucional dos últimos 40 anos, que non social, “xa que a sociedade coruñesa quere o galego, fala o galego, e a historia da nosa cidade está ben ligada a fitos importantísimos da nosa lingua, tal e como se expón no limiar desta Ordenanza”, remarcou. “Cómpre recoñecer a todas aquelas persoas que deron a cara polo galego, a comezar polo primeiro alcalde da cidade logo da ditadura, Domingos Merino, un alcalde que volveu traer o noso idioma a este salón de plenos”, dixo Veira.

Á Ordenanza do Galego foron presentadas senllas emendas, do PP e da Marea Atlántica, que decaeron ao non contaren co apoio da maioría da Corporación.

Desde Marea Atlántica lamentaron que “esn explicación”, se rexeitasen as súas emendas. “É lamentable, pero aínda así votaremos a favor da ordenanza de uso do galego. O noso compromiso non muda. Seguiremos intentando mellorala na súa tramitación".

O portavoz do Goberno local, José Manuel Lage Tuñas, sobre a aprobación da ordenanza do galego no Pleno manifestou: "O que é propio non se impón, o que é propio é de seu".

A Mesa felicítase pola aprobación da ordenanza municipal da Coruña. A secretaria xeral da entidade, Celia Armas, recorda que a ordenanza aprobada  vén solventar unha "anormalidade democrática" 38 anos despois da promulgación da Lei de Normalización Lingüística de Galiza.

A Coruña deixa de ser a única cidade da Galiza que carecía dunha ordenanza do galego
comentarios