Entre o 2 e o 16 de maio

Correlingua por 12: localidades de todo o país en carreira pola lingua

O Correlingua está a piques de facer dúas décadas. Entre o 2 e o 16 de maio, unha ducia de localidades acollerán as carreiras pola lingua da décimo novena edición desta popular actividade escolar. “O galego é a fórmula”, di a palabra de orde deste ano.
 

20190405 presentacion correlingua lugo (9)
photo_camera Participantes na presentación de Correlingua 2019, no Pazo de San Marcos en Lugo. Foto: CIG Ensino.

O Correlingua, que se presentou esta sexta feira en Lugo, “ten como obxectivo reclamar o dereito da rapazada a vivir e medrar en galego”. Nesta ocasión, a relación entre o galego e as ciencias, que prohibiu o denominado Decreto de Plurilingüismo da Xunta de Feixoo, centra as reivindicacións do acto. O manifesto do Correlingua, produto dun certame de centros de ensino e que gañou o IES de Carral, así o sinala.

“Temos química coa nosa lingua' titulámolo”, relata a Sermos Galiza o profesor de lingua Anxo Gómez, “e aproveitamos o 150 aniversario da táboa periódica para relacionar os símbolos químicos co gran símbolo do noso país, que é a lingua”. Unha representación do alumnado do instituto de Carral leu o documento en Lugo e volverao facer na festa final, o 16 de maio en Pontevedra. Antes haberá carreiras en Compostela, Ribadeo, Ponteareas, Lugo, Narón, A Estrada, Monforte de Lemos, Vigo e Ourense.

Correlingua2019_IMAXE

Non foi o único concurso previo ás carreiras deste ano. Houbo tamén premio á banda deseñada, que levou o CEIP Cabo da Area de Laxe, e máis de vídeo, en dúas categorías: infantil e primaria, que foi para o CEIP Albeiros de Lugo, e secundaria e bacharelato, par o CPR Concepción Arenal de Ourense.

“É unha iniciativa moi interesante”, considera Anxo Gómez, vencellado á mesma practicamente desde os inicios, “e serve para que a rapazada reflexione sobre o uso da lingua todo o ano”. Porque o Correlingua dura todo o curso. Empeza no primeiro trimestre coa convocatoria dos certames “para crear os seus propios argumentos para defender o seu dereito a vivir e medrar en galego” e finaliza no terceiro trimestre coas carreiras.

No IES de Carral en que Gómez imparte clase, o sistema de participación no Correlingua foi mudando. Ás primeiras edicións asistía todo o estudantado. “Mais non acaba de funcionar. Desde hai seis ou sete anos decidimos que acudisen por méritos, a partir de concursos dos equipos de normalización lingüística. É mellor, percíbeno como positivo porque é un premio”, opina. Que desemboca na carreira última, unha xornada de música de bandas galegas e xogos que axudan a tomar conciencia da situación lingüística. “En Carral, como en calquera lugar do país, o alumnado está cada vez máis castelanizado”, lamenta.

Galego, “fórmula maxistral”


Durante a presentación de Correlingua 2019, Suso Bermello, secretario xeral de CIG Ensino, referiuse ao lema do mesmo. “Non queremos que o galego sexa unha fórmula secreta, senón que continúe a ser unha fórmula maxistral, elaborada por todos e cada un dos miles de galegos e galegas que nola transmitiron en herdanza”, expuxo, “e que lla depositamos á mocidade que é o futuro”. A CIG organiza a actividade canda A Mesa pola Nomalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG).

Bermello tamén criticou con dureza a política lingüística dos gobernos do PP e acusou a Xunta de relegar o galego “ao silencio ou a un carácter ornamental e simbólico”. “O decreto rachou o consenso existente respecto á lingua e lexislouse por primeira vez prohibindo o seu uso nas materias científicas”, dixo, ao tempo que prometeu apoio do sindicato aos “centos de docentes” que non atenden nin están dispostos a atender esa obriga inmoral”.

Ademais de Bermello, interviton Anxo Terán, presidente de Correlingua -"sodes o Correlingua", dixo aos rapces e rapazas presentes-; Mónica Pazos, secretaria xeral da Mesa pola Normalización -"é unha actividade fundamental nun intre en que se intenta reducir o galego nas aulas"-, ou Xoán Costa, presidente da AS-PG -"cómpre seguir construíndo fórmulas para que o galego non pare". Houbo presenza ademais dos concellos de Lugo e Monforte e mais da Deputación de Lugo, cuxo pazo foi sede da presentación.

Nota: cartel do Crrelingua 2019.

Comentarios