martes 21.01.2020
Palabras con Memoria

Conxuncións copulativas

Ilustración do Kamasutra
Ilustración do Kamasutra

Achedar.- (Á marxe doutros significados) Gozar sexualmente. 

Exemplo: “Seica tivera ganas de casar para se fartar de achedar a parella”.

Lugar de escoita.- Escudeiros –Ramirás (Ourense)

Fonte.- Xoán Carlos Domínguez Alberte.

Broucar.- Ter relacións sexuais. Foder. 

Exemplo: “Aquela parella está broucando”.

Lugar de escoita.- Toutón (Mondariz).

Fonte.- Sé Anxo Rosales González.

Outros apuntamentos.- A fonte sinala que este mesmo verbo é empregado na mesma parroquia e en Pesqueiras (Salvaterra) co significado de bater, bourar.

Chiscar.- Copular.

Lugar de escoita.- Navia de Suarna.

Fonte.- Marcos Seixo.

Guichar (pronunciado ghichar).- Fornicar.

Lugar de escoita.- O Barbanza.

Fonte.- Lino Vilasoa Boo.

Leitada ou leituada.- Seme humano.

Lugar de escoita.- Bisbarra da Limia.

Fonte.- Rafael Laso Lorenzo.

Mandar.- (Ademais de significados obvios) Realizar o acto sexual. 

Exemplo: “Deixouno porque non lle mandaba ben”.

Lugar de escoita.- Val Miñor.

Fonte.- Albino Soto Figueroa.

Quilar.- Fornicar.

Lugar de escoita.- A Coruña, Bergantiños, Ferrolterra…

Fonte.- Xosé Luís Martínez Pereiro.

Outros apuntamentos.- A fonte cre que é probable que chegase ao galego desde o latín dos canteiros.

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo [email protected]aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.

comentarios