Convocan unha macro-mobilización a favor da lingua occitana

Baixo o lema xa clásico de ‘Anem Òc! Per la lenga occitana’ agardan reunir milleiros de persoas. Na anterior gran manifestación polo idioma, 2012, participaran máis de 20.000 persoas.

Occitano

O Institut d’Estudis Occitans (IEO) e Calandretes – escolas asociativas na lingua de oc- veñen de convocar unha mobilización que queren masiva a favor da lingua occitana. Convocan con tempo para preparala polo miúdo, pois a cita vai ser o vindeiro 24 de outubro en Montpeller. Lembran en Nationalia que é a quinta vez que se chama a saír á rúa baixo o lema ‘Anem Òc! Per la lenga occitana’ e coincidirá co décimo aniversario da primeira, en Carcassona. Son mobilizacións que foron gañando en participación con cada edición. Se na primeira (2005) tomaron parte case 10.000 persoas, na que decorreu en 2012 as e os participantes cadse chegaban as 30.000, segundo as organizacións convocantes.

IEO e Calanderetes sinalan que a regresión no uso do occitano e os perigos “cada vez máis grandes que ameazan a nosa lingua” son os motivos polos que convocar unha mobilización que queren que sexa unha expresión clara de compromiso na defensa deste idioma.

O Movemento polos Dereitos Lingüísticos ‘Falantes’ lembraba en 2012, co gallo da mobilización daquel ano a prol do occitano, que a situación legal dos falantes de occitano non era uniforme xa que a lingua se estende por 3 estados europeos diferentes. En Francia, afirmaban, non se teñen sequera datos fiabeis do número de falantes, que se estima pode roldar o millón e medio. Malia existiren iniciativas privadas como as Calandretas, -escolas bilingües-, a política lingüística francesa seguuía centrada na exclusiva promoción do francés.

Comentarios