Luz verde da Mesa do Congreso á recollida de sinaturas a prol dunha lei para que o funcionariado na Galiza non teña que coñecer o galego

A Mesa da Cámara baixa cualificou esta semana unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) da asociación 'Hablemos español' coa que, asegura este colectivo, busca "garantir os dereitos lingüísticos dos español falantes" en todo o territorio do Estado e, especialmente nos campos do ensino e administración. Deu así luz verde a que "Hablemos español" comece a súa campaña para recoller as 500.000 firmas necesarias en todo o Estado para que o texto inicie o proceso parlamentar. Para iso dispón dun período de nove meses, segundo a normativa reguladora deste proceso.

Congreso

A Mesa do Congreso dos Deputados cualificou esta semana unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) da asociación 'Hablemos español' coa que, asegura este colectivo, quer "garantir os dereitos lingüísticos dos español falantes" en todo o territorio do Estado e, especialmente nos campos do ensino e administración. Na proposta de normativa figura que o persoal funcionario non teñen a obriga de coñecer as linguas cooficiais, como o galego na Galiza. 

A Cámara baixa deu así luz verde a que "Hablemos español" comece a súa campaña para recoller as 500.000 firmas necesarias en todo o Estado para que o texto inicie o proceso parlamentar. Para iso dispón dun período de nove meses, segundo a normativa reguladora deste proceso.

Non é o primeiro intento de 'Hablemos español' con este texto, xa que en 2017 tamén o presentou perante o Congreso. Entón non conseguiron as sinaturas en prazo. "Pero esta vez si que o conseguiremos, xa é hora", dixeron fontes da organización a Europa Press.

Con esta lei, as promotoras buscan "blindar" o que consideran dereitos lingüísticos dos español falantes, de forma que "existan liñas de ensino en español en calquera parte do Estado, para que todas as persoas poidan ser atendidas na lingua común polas administracións públicas e que se eliminen as pexas e obstáculos e prohibicións que actualmente discriminan aos falantes de español en cada vez máis comunidades autónomas".

En materia de administración, a lei establece que a información ou sinalización debe estar en formato bilingüe naquelas comunidades con dous idiomas oficiais, así como as notificacións, informes ou certificacións cuxo procedemento comece desde a Administración. Cando o cidadán solicite un procedemento, farase no idioma no que o solicitou.

Exención

Ademais, o texto afirma que "non será necesario que todos os empregados públicos coñezan o idioma cooficial co español no territorio no que prestan os seus servizos". É dicir, que non todo o persoal funcionario na Galiza debe coñecer o galego.

Mentres tanto, na educación, piden que os pais e nais escollan o idioma oficial no que os seus fillos e fillas reciben educación mentres son menores de idade. A partir dos 18 anos, indica o texto, exercerán por si propios o dereito a escoller oseu idioma vehicular.

Ademais, queren que os estudantes que se incorporen ao sistema educativo dun territorio con dúas linguas oficiais, no último ciclo de primaria ou bacharelato, estean exentos da cualificación na materia específica dese idioma durante, polo menos, tres cursos académicos.  

Comentarios