O concurso 'Relatos del mar' de Jealsa-Rianxeira incendia as redes

O certame excluía inicialmente o galego das súas bases, o que derivou nunha iniciativa de boicot ás conservas.
relatosdelmar
photo_camera Cartaz do concurso de contos de Jealsa-Rianxeira. (Foto: Nós Diario)

A conserveira Jealsa-Rianxeira convocou nas súas redes sociais un concurso de relatos, Relatos del mar, en cuxas bases se excluía no primeiro momento o galego como lingua coa que poder participar.

O feito xeraba unha importante polémica en internet e derivaba nunha proposta de boicot aos produtos da conserveira. Nesta liña expresábase a escritora Helena Villar Janeiro ao explicar "Velaí un insulto ao mar galego, á xente que traballa nel, a Galiza e a Rianxo".

"Como non teño ningún poder para que a lingua de Galiza non quede excluída deste concurso", sinalaba a escritora, "exercerei o poder de consumidora desde este momento. Nin outra lata de Rianxeira entrará nesta casa rianxeira. A fe non".

Após as reaccións que se sucederon a través das redes entre a opinión pública e a esta iniciativa de boicot, a empresa conserveira inclúe agora entre os requirimentos para poder participar en Relatos del mar, que as obras deben remitirse en lingua castelá ou galega, a elección da persoa participante.

Así e todo, a comunicación desta empresa, cuxa fábrica principal sufriu un incendio o pasado mes de maio e polo que contou co apoio inmediato da Xunta de Galiza, mantén o castelán como lingua prioritaria, desde a páxina web até redes sociais como Facebook.

Comentarios