Unha concesionaria do Sergas só presta atención telefónica en inglés

A Mesa acusa Sergas e empresa americana Medtronic de “atacar o dereito á lingua e á saúde”.

camassergas3

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia a exclusión do galego na atención telefónica de Medtronic, empresa de tecnoloxía sanitaria  con sede nos Estados Unidos, que só proporciona atención teléfonica  en inglés aos pacientes do Sergas que precisen poñerse en contacto por mor dalgunha dúbida con algún dos seus produtos, proporcionados polo Servizo Galego de Saúde aos doentes e entre os que están algúns tan necesarios como bombas de insulina.

Só a través da busca en internet a empresa Medtronic ofrece un outro número, non indicado polo Sergas, indica A Mesa. Nese número dáse información só en castelán ou inglés, sen opción de galego e sempre desde fóra de Galiza e mesmo do Estado español. Sanidade  ten actualmente en vigor con esta empresa  cinco convenios e catro acordos específicos cos que testan os produtos e métodos nos complexos hospitalarios públicos da Coruña, Santiago, Lugo e Vigo.

Para Marcos Maceira, presidente da Mesa, “este é un exemplo máis de servizo público externalizado que é utilizado pola propria Xunta para negar a posibilidade de utilización do galego”. 

A Mesa lembra que no informe da Liña do galego de 2017 por volta de 20% das queixas que teñen relación coa vulneración dos dereitos lingüísticos por parte das entidades e  administracións públicas son ao Sergas.

Comentarios