Unha concesionaria da Xunta négase a entregar formularios en galego

SHE-Herencia responde ás solicitudes de envío da información en galego que no contrato coa Xunta “no figura por ninguna parte que debamos de (sic) enviarle la información en gallego”.

Mesa
photo_camera Mesa

O profesorado admitido no programa PIALE (Programa de aprendizaxe integral de linguas estranxeiras), organizado e financiado integramente pola Xunta de Galiza, está a recibir estes días un correo electrónico da empresa subcontratada polo Goberno galego para xestionar o programa. A primeira sorpresa dos docentes foi que lles chegase á súa caixa de correo unha comunicación "só en castelán, en que se excluía totalmente o idioma galego, tanto na mensaxe como no formulario que lles solicitaban que cubrisen".

Tras a solicitude por participantes de que se encamiñase esa información en galego, a resposta da compañía concesionaria, SHE-Herencia, foi que "esta empresa tiene su sede central en Madrid" e que asinaron un contrato coa Xunta "donde no figura por ninguna parte que debamos de [sic] enviarle la información en gallego", razón pola cal non van facilitar nin a comunicación nin os fomularios neste idioma.

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, afirma que "o máis grave de todo isto é que se está a pagar con diñeiro público a exclusión da nosa lingua" . Maceira lamenta que "son os cidadáns de a pé os que teñen que reclamar o cumprimento da oficialidade do galego". 

Comentarios