19-D: concentracións nas cidades galegas para demandar solucións ante a “emerxencia lingüística” do galego

Convocadas pola plataforma Queremos Galego. A vindeira quinta feira, ás 20:00 horas en Santiago, A Coruña, Ferrol, Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo.

QUEREMOS GALEGO
photo_camera QUEREMOS GALEGO

A plataforma cidadá Queremos Galego chama a cidadanía galega a mobilizarse nas sete cidades galegas a quinta feira 19 de decembro, ás 20:00 horas, "en resposta á situación de emerxencia lingüística que amosan con claridade datos como os do IGE" e para "reclamar que a Xunta cumpra coas demandas realizadas polo Consello de Europa".

O lema da convocatoria será ‘Emerxencia lingüística. Precisamos do galego’, e terá lugar nas 7 cidades galegas simultaneamente. En Santiago, na Praza do Toural; na Coruña, no Obelisco; en Ferrol, na Praza Amada García (diante da delegación da Xunta); en Lugo e en Ourense, na Praza Maior; en Pontevedra, na Praza da Peregrina; e en Vigo; na Praza da Princesa.



"A evolución dos datos de uso e coñecemento do galego son alarmantes", afirma o voceiro de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira. As taxas de incapacidade para falar galego entre a poboación menor de 15 anos son as máis altas da historia e consolídase a ruptura interxeracional.

A plataforma lembra que o informe dos expertos non só afecta á Xunta. O Estado ten que garantir o cumprimento da Carta que el mesmo ratificou, nomeadamente nos ámbitos que son da súa competencia.

Comentarios