Decenas de persoas reclaman nunha concentración en Lugo o dereito a vivir en galego

O acto decorreu diante da Delegación da Xunta da cidade lucense, onde dúas funcionaras se negaron a atender en galego a unha usuaria.

concentracion lugo galego funcionarias galegófobas

“Temos lingua propia, queremos vivir nela” e “En defensa do noso patrimonio: natureza, lingua, cultura” eran as mensaxes das faixas que presidiron a concentración que esta cuarta feira decorreu en Lugo, convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística.  O acto tivo lugar diante da Delegación da Xunta en Lugo, onde traballan as dúas funcionarias que se negaron a atender en galego a una usuaria.

A concentración ten como obxectivo, como anunciaba a Mesa, “para defender socialmente a nosa lingua e os dereitos lingüísticos que temos como galegofalantes e como resposta ao caso de vulneración de dereitos lingüísticos” que tivo lugar nese edificio administrativo.

A secretaria xeral da Mesa, Mónica Pazos, declarou que “non recoñecer o dereito á atención en galego é unha mostra de desprezo ao noso pobo. É pretender manter pola forza e pola coacción, unha situación de marxinación denominada racismo lingüístico”.

Afirmou que “non pode ser que en Galiza se pisen os dereitos dos galegos e galegas e a Xunta non faga o máis mínimo”. Para a Mesa este feito é un síntoma da política lingüística do PP na Xunta e xa tramitou queixas ante Consellaría de Presidencia, Secretaría Xeral de Política Lingüística, Secretaría Xeral para o Deporte e Valedor do Pobo para denunciar este caso de agresión lingüística e discriminación dos dereitos máis elementais.

A usuaria que sufriu esta agresión Adela Figueroa, agradeceu o traballo da Mesa pola Normalización Lingüística e apuntou que “as persoas galegofalantes temos uns dereitos que non debemos deixar perder”.

A Mesa exixe á Xunta que actúe contra as funcionarias galegófobas da Delegación de Lugo. Pide unha condena pública por parte da administración galega e que abra un expediente disciplinario contra estas dúas empregadas públicas.

Comentarios