domingo 29/11/20

Concentración pola lingua na sanidade nun xuízo que se demorou por razóns lingüísticas

Unha concentración, convocada pola Mesa pola Normalización, apoiou no xulgado de Compostela a demanda contra o SERGAS por discriminación lingüística. O xuízo, finalmente, quedou visto para sentenza após un retraso de 30 minutos. 

mesa
mesa

O Servizo Galego de Saúde adiou a súa operación máis de 16 meses polo feito de solicitar asinar o consentimento informado na nosa lingua e el fai que o xuizo pola súa demanda tamén se adie pola defensa da lingua.

Esta terza feira ía a xuízo despois de presentar unha demanda contra o SERGAS pola dilación inxustificada da intervención mais o xuízo tivo que adiarse por volta de 30 minutos após o avogado da aseguradora do Sergas sinalar que non podería desenvolver o seu traballo en lingua galega. 

O demandante, que estaba alí pola defensa dos seus dereitos lingüísticos, mostrou a súa oposición o que obrigou a adiar a vista até a chegada dun interprete. Finalmente o proceso quedou visto para sentenza. 

Malia os poucos minutos que durou o acto, a sala encheuse das persoas que, na porta protagonizaran a concentración convocada pola Mesa pola Normalización, baixo o lema “Polo dereito a vivirmos en galego”. A concentración estaba convocada ás 9.30 horas diante das portas do Xulgado para apoiar ao paciente que denunciara o retraso na intervención cirúrxica por exixir os seus dereitos lingüísticos. 

Fe de grallas. Este artigo foi editado após a súa publicación. Por erro informábase do adiamento do xuízo que, no entanto, si chegou a se celebrar malia o traso de media hora. O proceso ficou visto para sentenza. 

comentarios