venres 10.07.2020

Concentración pola lingua na sanidade nun xuízo que se adía ao non se poder desenvolver en galego

Unha concentración, convocada pola Mesa pola Normalización, apoiou no xulgado de Compostela a demanda contra o SERGAS por discriminación lingüística. O xuízo, finalmente, foi adiado ao non se poder desenvolver no noso idioma. 

mesa
mesa

O Servizo Galego de Saúde adiou a súa operación máis de 16 meses polo feito de solicitar asinar o consentimento informado na nosa lingua e el fai que o xuizo pola súa demanda tamén se adie pola defensa da lingua. Esta terza feira ía a xuízo despois de presentar unha demanda contra o SERGAS pola dilación inxustificada da intervención mais o xuízo tampouco se desenvolveu dada a imposibilidade de se desenvolver na nosa lingua. O xuíz anunciou que o avogado da aseguradora se ía expresar en español e preguntou se había algún inconvinte ao que o demandante, que estaba alí pola defensa dos seus dereitos lingüísticos, mostrou a súa oposición o que obrigou a adiar a vista até que se volva a desenvolver, xa con tradución para o avogado, o único na sala que anunciou que falaría en español. 

Malia os poucos minutos que durou o acto, a sala encheuse das persoas que, na porta protagonizaran a concentración convocada pola Mesa pola Normalización, baixo o lema “Polo dereito a vivirmos en galego”. A concentración estaba convocada ás 9.30 horas diante das portas do Xulgado para apoiar ao paciente que denunciara o retraso na intervención cirúrxica por exixir os seus dereitos lingüísticos. 

comentarios