“Liberdade para o galego”

Concentración da Mesa contra a exclusión do galego polo Ministerio de Educación

11 de setembro ás 12:00 horas diante da sede da delegación do goberno español en Galiza (Praza Ourense 11, A Coruña). O Ministerio convocou un premio para traballos universitarios do Estado só en castelán.

1629474481933cf01bda6o-A Mesa

“Liberdade para o galego” é o lema baixo o que A Mesa pola Normalización Lingüística se concentrará o vindeiro 11 de setembro para denunciar e protestar pola exclusión do galego dun premio para traballos universitarios de todo o Estado.

MESAA Mesa considera que con esta decisión de excluír a lingua propia da Galiza dos Premios Arquímides o Ministerio "nega o mínimo recoñecemento do galego”. Un premio para os traballos de fin de grao. "De tal xeito que un Traballo de Final de Grao en lingua galega que merecese a puntuación de. sobresaínte ficaría automaticamente excluído dun premio dotado con até 7000 euros, sen chegar a ser valorada a súa calidade", denuncia Marcos Maceira, presidente da Mesa.

"Esta situación", recorda Maceira, "engádese a casos anteriores de denegación de bolsas de estudos por achegar certificados de estudos en galego". A Mesa exíxelle ao goberno español que "depoña a actitude de desprezo ás linguas oficiais diferentes do castelán" .

O galardón diríxese a “estudantes universitarios matriculados durante o curso 2018-2019 en universidades españolas que impartan titulacións oficiais” matriculados “en estudos de grao e mestrado”. As investigacións susceptíbeis de seren premiadas poden proceder das áreas das ciencias biolóxicas e biomédicas, das ciencias experimentais, exactas e ambientais, das ciencias sociais e humanidades ou de enxeñaría e arqitectura. O que non poden é estar nin en galego, nin en catalán, nin en euskera.

E iso que o ministerio reparte 25 premios con dotación económica, catro estancias en centros de investigación e cinco premios a titores. O prazo de presentación rematou o pasado 19 de agosto. Nesta ligazón atópanse as bases completas: http://www.educacionyfp.gob.es/servicios-al-ciudadano/catalogo/estudiantes/premios/universitarios/certamen-universitario-arquimedes.html#dg1

Comentarios