Concentración e alegacións contra a negativa do Xulgado de Corcubión a galeguizar un apelido

O Rexistro Civil negou a solicitude dunha estudante para que o que figuraba como o seu segundo apelido, ‘Rey’, se restituíse como ‘Rei’.

A Mesa concentración Corcubión
photo_camera Imaxe: A Mesa

Unha concentración na defensa do dereito a galeguizar os nomes e apelidos, convocada pola Mesa pola Normalización Lingüística, decorreu esta segunda feira, 3 de abril, perante os Xulgados de Corcubión, sede do Rexistro Civil da comarca. O rexistro negou a unha rapaza a galeguización do seu segundo apelido “Rey” argumentando que “non é unha adecuación ortográfica para adecualo á gramática da lingua galega senón un cambio de apelido pois considera que Rey pertence “ao acervo nacional”.

Ademais da concentración,  á que asistiu medio decento de persoas segundo os convocantes,entregáronse no rexistro as alegacións para que se permita a restitución do apelido “Rey” para alén de presentar diferentes documentos, entre eles, un ditame da Real Academia Galega que certifica que “Rei” é un apelido galego e escribilo con “y” é unha forma de deturpar o apelido e incorrecta ortograficamente.

Marcos Maceira, presidente da MNL; declarou que “todo o mundo ten dereito a chamarse polo seu propio nome na súa propia lingua", tal e como lembra que se estipula no Convenio-marco para a protección das Minorías Nacionais e "como recoñece a lexislación española vixente”. 

Maceira tamén sinalou que “todos temos dereito a corrixir as formas deturpadas dos apelidos, incluso Raxoi e Feixoo que, aínda que non fagan uso dese dereito, non poden impedir que os demais o fagan”.

Comentarios