O Concello de Ourense denega permiso para recoller apoios á ILP a favor do galego nas relacións de consumo

A Mesa pregunta “En que prexudica á cidadanía ourensá que teña á súa disposición unha mesa na rúa para se informar, e apoiar se quixer, unha ILP que só contempla o recoñecemento dun dereito fundamental?”

a mesa ilp

A Mesa pola Normalización Lingüística informa que recibiu do Concello de Ourense a denegación da solicitude de colocación dun posto de recollida de sinaturas para apoiar a campaña da ILP polos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico.

A resposta, indica a Mesa,  está en castelán, incumprindo a Lei de Normalización Lingüística de 1983, que no artigo 4 sinala que “o galego, como lingua propia de Galiza, é lingua oficial das institucións da Comunidade Autónoma, e da Administración local”. A Mesa fala de “odio ao galego” por parte do alcalde, Jesús Vázquez, “público e notorio desde a súa etapa de conselleiro de Educación da Xunta”.

 “En que prexudica á cidadanía ourensá que teña á súa disposición unha mesa na rúa para se informar, e apoiar se quixer, unha ILP que só contempla o recoñecemento dun dereito fundamental? Que perigo para a vida normal da cidade observa para que se rexeite a presenza nas rúas dunha campaña a favor do galego?” preguntouse o presidente da Mesa, Marcos Maceira.

O coordinador da Mesa en Ourense, Manuel Carniceiro, lembrou ademais que son moitos e moitas as ourensás que traballan no sector da teleatención e que o recoñecemento do dereito á atención en galego neste sector é un bo antídoto contra a deslocalización e despedimentos que poñen en perigo os seus postos de traballo. Segundo indicou Manuel Carniceiro, a cantidade de sinaturas recollidas nos últimos días na cidade de Ourense en apoio a esta ILP  xa supera o millar, mais “o concello pretende impedir que os apoios sigan crecendo”.

Comentarios