O Concello de Compostela non esclarece a Queremos Galego se terá un punto de luz o 17M

A tres días da manifestación polas Letras Galegas o goberno local non se pronuncia. "Non nos van facer calar", advirten desde a plataforma.

Queremos Galego
photo_camera [Imaxe Queremos Galego]

O goberno de Agustín Hernández non comunicou aínda á Plataforma Queremos Galego se autorizará un punto de luz e permiso para colocar megafonía no acto que fechará a manifestación convocada para o 17 de maio, Día das Letras Galegas. 

Embora restaren tres días para a conmemoración, o concello compostelán mantén "a calada por resposta", denuncian desde Queremos Galego logo de que presentaran solicitude formal o 4 de maio para teren acceso a un punto de luz e contar con megafonía propia. 

Perante o retraso na comunicación administrativa, Queremos Galego contactou de novo co concello "a cuarta feira 13 telefonicamente e por fax". Sen este permiso municipal, lembran desde a plataforma en defensa da lingua "poderíase dar o caso de Queremos Galego situar xerador propio e a equipa de megafonía sen permiso municipal, cos correspondentes impedimentos no propio momento ou con multas posteriores, o que é un claro boicote tanto á convocatoria como á posibilidade de recurso". 

Unha actitude reiterada

O portavoz de Queremos Galego e presidente da Mesa pola Normalización Lingüística asegurou que a actitude do goberno do PP, "é unha volta máis na tradición inaugurada por Conde Roa, continuada por Angel Currás e renovada polo novo alcalde Agustín Hernández, de denegar calquera acto que se opoña á política agresiva do Partido Popular contra o noso idioma, mais agora coa artimaña do novo alcalde". 

Neste senso, lembrou que a denegación do acceso á electricidade está a ser unha constante padecida por diversas organizacións e colectivos, a comezar pola propia plataforma a quen lle vén sendo denegada de maneira habitual. 

Así as cousas, Maceira advertiu que "con ou sen megafonía a voz a favor do galego escoitarase nas Praterías. Non nos van facer calar". "Falaremos o 17 e farémolo, coma sempre, en galego", sentenciou. 

Comentarios