COMO DICILO?

Con pelica de animal

raposo
photo_camera Xan, o raposo

Como lle cadra á súa importancia e presenza na sociedade galega tradicional, Xan tamén é un dos nomes máis presentes nesoutro mundiño dos contos que pinta o noso baixo pelica de animal. É o nome dun dos personaxes máis argalleiros, ocorrentes e paveros, o raposo, que sai triunfante das súas falcatrúas e aduanadas, mesmo se o cativo trunfo é só conservar a vida para preparar outra allada. O raposo, capaz de facer rir a indignada muller que acaba de tirar fóra do galiñeiro ese animal morto que "resucita" e sai correndo a fume de carozo. O raposo ou a raposa pois pode ser femia e levar o nome de Maruxa.

E, á beira del, Pedro, o lobo, personificación da forza bruta e parva fronte á finura do seu contrincante pequeneiro. En calquera caso, os nomes humanos pouco importan e ás veces Xan é o lobo e Pedro o raposo.

Un dos contos máis coñecidos entre os que el  protagoniza deixou unha locución moi popular: cheira a can, equivalente ao español huele a chamusquina , que se di para amosar desconfianza.

O raposo liberara un home de que o comese unha cobra baixo a promesa de lle pagar cun par das súas mellores galiñas. A hora de pagar, o home apareceu cun saco pechado e o raposo desconfiou: "Cheira a can! Pitas serán pero chéirame a can!". E saíron adoecidos tres cans contra o raposo que corría fungando mentres dicía: "Arriba, pernas! Arriba zancas! Que neste mundo todo son trampas!". Finalmente chegou ao tobo onde caíu estomballado dicindo: "Ai, meus peíños! Ai, meus peáns, se non forades vós, comíanme os cans!  E ti, meu rabo mazaroqueiro, inda tirabas pra atrás!".

A mesma raposa que inmortalizou Esopo na fábula das uvas e que noutra frase galega, ao non lles poder chegar, marcha toda fachendosa facéndose a despreciativa. "Non chas quero, que son caíñas! –díxolle a raposa ás uvas".

Os animais, que nos nosos contos falan co home chamándolle "tío home". Igual que un vello amigo da aldea se dirixiu a min un día na complicidade dunha rica cultura compartida. Que non só está poboada por trampulleiros e abusóns, senón tamén por toda unha simpática e variada fauna

Porque, malia que un dito popular asegura que "hai homes e homiños, macacos e macaquiños", na terra hai ben máis xentiña. Para comezar, mulleres. E tampouco só macacos, senón xente de valía.

Ou como é?