domingo 05.07.2020

A comunidade galega de Londres celebrará ao grande o Día das Letras Galegas

Un concerto de O Leo, poesía, proxección de curtas, foliada, obradoiros ou actividades infantís, centran as actividades que terán lugar este domingo no Haileybury Youth Centre.

Haileybury Youth Centre, onde decorrerán as actividades.
Haileybury Youth Centre, onde decorrerán as actividades.

A asociación Rede Galega en UK (REGA-UK) organiza este domingo, 13 de maio, unha completa xornada festiva para celebrar o Día das Letras Galegas. Van ser seis horas de actividades que se desenvolverán no Haileybury Youth Centre [13-19 h, Ben Jonson Road, London, E1 3NN]. Música a cargo de O Leo, poesía, audiovisual, actividades para as máis pequenas… integran a programación.

A entrada anticipada ten un prezo de 10 libras e de mercarse na porta, o seu custo será de 12 libras. En ambos os dous casos, o tícket inclúe unha bebida e unha tapa. O acceso é gratuíto para os menores de 15 anos. Para a compra anticipada é preciso realizar o ingreso na conta bancaria número 73872742 (sort code 20-25-95) e poñer como ‘payee reference’ LETRAS-Nome-Apelido. A recadación destinarase integramente á organización de actividades socioculturais en Londres promovidas por REGA-UK.

Ademais de REGA-UK tamén colaboran na xornada outras organizacións socioculturais galegas da capital británica como Troula, a Asociación A Caramiña, Galego en Londres, Galician Film Forum e Galegos Morriñentos en Londres. Precisamente, este último colectivo celebra os seus dez anos de vida coincidindo co evento do domingo.

comentarios