Compromiso culpa a Feijóo de situar o galego na UCI

Compromiso por Galiza acusa ao presidente da Xunta de situar o galego na UCI “sen dignidade nin sensibilidade”. Propón que se cumpra o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. 

Perante o decrecemento de falantes que confirma os últimos datos do IGE, Compromiso por Galicia fixo pública a súa posición por medio da Secretaria Nacional de Lingua , Ruth Parada e do profesor Craig Patterson que reclamaron o cumprimento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. 

O informe, segundo sinalou Ruth Parada, sitúa o uso da nosa lingua “na UCI, cuns números demoledores e preocupantes para calquera que teña un mínimo de dignidade e sensibilidade, desa que non ten Feijóo” polo que esixiu a dimisión dos directos responsábeis, Anxo Lorenzo, Valentín García e Jesús Vázquez “polo seu estrepitoso fracaso”. 

Chamamento ás institucións

A responsábel de lingua de CxG esixiu á Xunta que tome a iniciativa “na procura dun decreto consensuado que cumpra os obxectivos sinalados no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, concretamente, no que se refire ao ensino”. O obxectivo sería, segundo apuntou, garantir como pouco o 50% de uso do galego na primaria, secundaria e FP. “Ademais disto, o galego precisa dun goberno que o promova e o apoie, non dun que o abandona e o marxina” engadiu. Denunciou tamén que, desde que Feijóo chegou ao goberno da Xunta en 2009 “a tendencia á baixa é tremenda e preocupante, polo que isto non responde a unha cuestión natural como nos quere vender o Presidente da Xunta, senón a unha ausencia de políticas públicas en favor do galego, o que é peor, a existencia doutras lesivas para o noso idioma”. 

Pola súa parte, Craig Patterson fixo unha chamada tamén ás “grandes institucións do País, sexan culturais, políticas, sociais ou comerciais” para que se comprometan na defensa da lingua. Apostou tamén por ligar “o concepto de orgullo lingüístico á sustentabilidade nacional co obxecto de vivir en galego con toda normalidade posible”. 

Comentarios