PALABRAS CON MEMORIA

Cómpre facer boa usanza do léxico da labranza

Carro do país
photo_camera Cando andedes polos eidos falade con propiedade

Acagoxar.- 1.- Nacer os nabos ocos. 2.- Perder vigor as follas das plantas por causa dunha enfermidade. Tamén se usa acogoxar e cagoxar.

Exemplo : “Estes nabos non serven para nada, están todos acagoxados”.

Lugar de escoita.- Navia de Suarna/Ancares.

Fonte.- CPI Plurilingüe de Navia de Suarna.

Acorar.-(Ademais de significados xa rexistrados) Derramarse por exceso de calor.

Exemplo: “Non deixes ao sol as patacas, que aínda han acorar”.

Lugar de escoita.- Pedrafita (Lugo).

Fonte.- José/Endl Navia de Suarna.

Bizarro/a.- (Ademais de significados xa rexistrados) Dise das plantas cando están vigorosas e tenras, como cando chove moito, que medran con rapidez.

Lugar de escoita.- Sarria.

Fonte.- Maria Xosé López Castro.

Camiñeiro.- (Ademais de significados xa rexistrados) Morea de torróns baixa e alongada para queimar na labranza do centeo.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

Carredal.- Entrada a un eido, onde pode haber unha portela.

Lugar de escoita.- Buciños, Carballedo.

Fonte.- Hortensia Vázquez Fraga.

Outros apuntamentos.- A fonte indica que a palabra foi escoitada de boca de Guadalupe García Álvarez.

Estaxe.- (Ademais de significados xa rexistrados) Anchura de cava ou sacha que se leva dunha vez. En Moreda é debasa.

Lugar de escoita.- O Courel.

Fonte.- Dun vocabulario courelao.

Gatumeira.-Mato moi espeso, no que é moi difícil penetrar.

Exemplo: “Deixou de rozar as silvas e os toxos e convertéuselle o eido nunha gatumeira”.

Lugar de escoita.- Moa- Vilatuxe, Serra do Candán (suroeste do concello de Lalín).

Fonte.- Daniel Blanco Moa.

Outros apuntamentos.- Adoita pronunciarse con gheada.

Palabras con Memoria é unha sección que coordena a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Todo o material podes consultalo aquí.

Se queres achegar algunha palabra que non apareza nos dicionarios, dirixe as túas propostas ao correo palabra.con.memoria@aelg.org (indicando a palabra, a súa acepción e o lugar en que foi recollida) ou cobre este formulario.

Comentarios