34 anos despois da súa aprobación

Compostela mantén sinais de tráfico que vulneran a Lei de Normalización Lingüística

"La Coruña", "Orense", "Carrera del Conde" e "San Cayetano" son catro exemplos de nomes que figuran na sinalización viaria de Santiago de Compostela, pese a que a lexislación determina que os topónimos deben ter como única forma oficial a galega.

01(1)

Na N-550 indícase a dirección a “La Coruña” e na N-525 o sentido a “Orense”. Estes paneis foron instalados por Fomento en 1992, mais ao teren consideración de vías urbanas cedéronselle ao Concello de Santiago en 1999, en época de Xerardo Estévez (PSOE). A responsabilidade de Tráfico, ademais de ser ostentada polo PSOE até 2011, logo estivo en mans do PP e agora é responsabilidade de Compostela Aberta. O BNG rexistou unha iniciativa plenaria en 2013 para mudar eses dous letreiros e adaptalos á toponimia oficial que, catro anos despois, aínda non se fixo efectiva. Cada día circulan baixo eses sinais máis de 90.000 vehículos, segundo dados facilitados pola Policía municipal.

O mapa de obras municipais realizadas en Santiago de Compostela revela a querenza polo idioma do partido político que as realizou e a súa pegada a favor, ou en contra, da normalización do idioma galego. Nese suposto exercicio de sociolingüística política, deixáronse os hodónimos "Carrera del Conde", "Calle de Santa Clara", "Rúa Anxo Casal" ou "Ruela de Sae se Podes" en diversas reurbanizacións.

03

Acontece o mesmo cos nomes das empresas privadas que usan o topónimo para se identificaren coa localización, como o aparcadoiro de "San Cayetano", ou o centro público "Hospital Psiquiátrico de Conjo" que loce na súa fachada principal en letras douradas.

A reivindicación, acicate para crear a lei

Anos de presión social, mediante milleiros de accións de corrección dos letreiros castelanizados e deturpados en todo o país, contribuíron a que na Lei de Normalización Lingüística de 1983 se incluíse que a única forma oficial da toponimia é a galega.

04Ao abeiro do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado en 2004, que recolle 445 medidas concretas "para favorecer o uso do idioma en todos os ámbitos da sociedade e garantir que se poida vivir plenamente en galego", o Parlamento instou a Xunta a adoptar "todas as medidas precisas a fin de que sexan corrixidos, restituídos e oficializados definitivamente todos os topónimos como obriga legal para os poderes públicos, institucións, empresas e organismos públicos". 

Ademais, creouse unha Comisión de Toponimia, que revisou cientificamente e negociou os nomes dos lugares habitados de Galiza, de xeito que está toda oficializada e "practicamente actualizada na sinalética viaria", sosteñen neste organismo. 

Nota de corrección: Na redacción orixinal desta información aparecía un dado falso, o de que o BNG participou no debate da Lei de Normalización Lingüística de 1983. Non foi así, dado que os tres deputados do BNPG-PSG foron expulsos do Parlamento en 1982.

Comentarios