Compostela acolleu os actos polo Día dos Medios en Galego

Unha ruta pola cidade co nome de 'Compostela e a lingua' lembrou este sábado a importancia dos medios de comunicación en galego.

A profesora Anxos García Fonte diante do Colexio de Santo Agostiño (Foto: Amega).
photo_camera A profesora Anxos García Fonte diante do Colexio de Santo Agostiño (Foto: Amega).

A Asociación de Medios en Galego (Amega) celebrou este sábado, como cada ano arredor do 7 de febreiro, o Día dos Medios en Galego.

A data fai referencia ao aniversario da saída do prelo da publicación xornalística O tío Marcos d’A Portela, unha das primeiras publicacións en galego aínda que posterior ao primeiro xornal en galego que nacía hai 162 anos, un 3 de marzo de 1860, asinado por Mingos Gallego: O Vello do Pico-Sagro.

Este ano Amega realizou unha ruta que, co nome de 'Compostela e a lingua', tivo lugar polas rúas compostelás. Baixo o lema "Bota a lingua a pacer", realizáronse varias paradas en diversos lugares simbólicos na loita polo mantemento do idioma nun percurso que estará acompañado polo cuarteto da Asociación Cultural Panaraiada.

Contou, ademais, coa participación de persoas do ámbito da nosa cultura como a poeta Rosalía Fernández Rial, a compañía de teatro Os Quinquilláns, o escritor Bieito Iglesias, e a profesora Anxos García Fonte.

Ruta pola historia

O roteiro iniciouse ás 11.30 horas diante do Salón Teatro, na Rúa Nova nº34. Alí Os Quinquilláns representaron unha pequena escena dunha das obras de Roberto Vidal Bolaño, conmemorando o vinte aniversario so seu pasamento.

Entre as paradas realizadas unha a cargo do filósofo Antón Baamonde descubriu, diante do antigo Restaurante El Asesino, a importancia dos faladoiros que había nos locais de hostalería composteláns..

A poucos metros, o escritor Bieito Iglesias relatou a historia da Facultade de Xeografía e Historia da USC desde os anos de 50 e como "a partir do 68 comezouse a usar o galego nas asembleas".

Diante do Colexio de Santo Agostiño, a profesora Anxos García Fonte apuntou a época na que Rosalía de Castro vivira nese lugar e onde se formou durante a súa adolescencia aproveitando a efervescencia do centro compostelán, facendo mesmo de actriz de teatro.

A xornada rematou cun recital poético musicado a cargo da escritora Rosalía Fernández Rial desde a praza de Cervantes.

Comentarios