Compostela acolle as XXVI xornadas de lingua e literatura da CIG e AS-PG

Terán lugar o vindeiro 6 de maio no IES As Fontiñas.

Manifestación en defensa da lingua_Galiza Contrainfo
photo_camera Imaxe: Galiza Contrainfo

O IES As Fontiñas, en Santiago de Compostela, acollerá o vindeiro 6 de maio a edición número 26 das Xornadas de lingua e literatura organizadas pola CIG e AS-PG. A matrícula é gratuíta e a inscrición pode facerse a través das webs das entidades organizadoras.

As xornadas comezarán cunha palestra de Elvira Roíz e Manuel Rei Romeu, docentes e Lingua e Literatura Galega no IES Concepción Arenal de Ferrol sobre ‘Carlos Casares no espello da súa obra’. A continuación decorrerá ‘Lingua galega e ensino: coherencia, compromiso e visión de futuro’, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, docente da UDC. A mañá completarase con dúas novas intervencións: ‘A escritora fala da súa obra’, de Eli Ríos, e ‘Cineclube no ensino’, de Rosa Enríquez, profesora de ensino medio e poeta.

A sesión de tarde abrirase con ‘Comentario de texto filolóxico dun texto medieval’, a cargo de Xoán López Viñas, profesor da Área de Galego-Portugués da Universidade da Coruña. O especialista en docencia da literatura Anxo González, falará de como atraer o alumnado á literatura. ‘A materia de lingua dende un enfoque comunicativo’, de Ana Rial e Manuel Rosales, profesores no IES Aquas Celenis será outra das palestras das xornadas. O escritor Suso de Toro abordará os comentarios de texto literarios e Alfonso Becerra de Becerreá, dramaturgo e director de escena, falará sobre ‘A dramaturxia como ferramenta de intervención no xogo das identidades colectiva e persoal’.

‘Comentario de texto lingüístico dun texto contemporáneo’, de Xoán López Viñas, profesor da Área de Galego-Portugués da Universidade da Coruña. Para poñer o ramo, ‘Regueifesta, innovar o ensino desde a tradición’, unha explicación do proxecto e actuación das regueifeiras Sara Marchena e Alba María.

Comentarios