"Con 'Como arrecende' decatámonos de que hai vontade de cociñar e de facelo en galego"

Laura e Cristina son dúas rapazas que comezaron a divulgar contido gastronómico en galego a principios de ano. A través dunha conta chamada “Como arrecende”, comparten receitas e consellos sobre cociña nas redes sociais Instagram e Twitter. Buscan que existan máis publicacións sobre gastronomía nas redes sociais en lingua galega, para achegar o seu gran de area ao proceso de normalización da lingua en ámbitos menos habituais, como é o mundo culinario nas novas redes.
Laura, á esquerda, e Cristina comezaron en febreiro con “Como arrecende”. (Foto: Nós Diario) #comoarrecende #galego #gastronomía
photo_camera Laura, á esquerda, e Cristina comezaron en febreiro con “Como arrecende”. (Foto: Nós Diario)

-En que consiste “Como arrecende”? Por que decidiron poñelo en funcionamento?

“Como arrecende” é unha conta de cociña e de difusión de fraseoloxía galega relacionada coa gastronomía. Botamos a andar o proxecto en febreiro, nun momento no que a tónica do día a día era a de fechamentos perimetrais e prohibición de quedar con persoas non conviventes. Nesta aventura atopamos a forma de conxugar dúas das nosas paixóns: a cociña e as redes sociais, ademais de mantérmonos unidas e distraídas nun momento anímico difícil para ambas, lonxe dos nosos fogares e familias. Decidimos creala porque botabamos en falta na rede contido en galego como o que nós consumiamos habitualmente, aínda que hai que dicir que polo camiño descubrimos unha pequena e acolledora comunidade de contas de cociña na nosa lingua. Oxalá cada día sexamos máis.

-Cal é o obxectivo do proxecto?

Penso que continuar aprendendo día a día para mellorar a calidade das nosas publicacións e, sobre todo, pasalo ben achegando a cociña e o galego a quen queira que lle interese pasarse pola nosa conta.

-Que tipo de receitas comparten?

En xeral son receitas fáciles, rápidas e accesíbeis para calquera persoa. Están pensadas para xente que non dispón de moito tempo, orzamento ou experiencia na cociña, pero que gustan de comer ben e de probar cousas novas de todo tipo: compartimos receitas de entrantes, acompañantes, pratos principais e sobremesas. Intentamos tamén buscar certo equilibrio e que boa parte das nosas receitas sexan aptas, ou cando menos adaptábeis, para persoas que manteñen unha alimentación vexetariana e vegana.

-Por que decidiron apostar por ese formato para difundir o seu contido?

Acabamos de aterrar en Twitter, mais os nosos comezos foron en Instagram. Escollemos esta rede porque o formato de fotografía era o que mellor se adecuaba ao que queríamos publicar. Intentamos coidar a estética das publicacións o máximo posíbel e interactuar moito cos nosos seguidores, que son a nosa pequeniña comunidade. En Twitter o noso obxectivo é chegar a un público máis amplo e dar a coñecer o que facemos.

-Que acollida está a ter polo de agora o seu proxecto?

Pódese dicir que desbordou por completo as nosas expectativas, aínda que eran bastante modestas. Pensabamos que nos seguiría simplemente o noso círculo de amizades e familia máis próxima, pero para a nosa sorpresa, comezou a seguirnos e recomendarnos moita outra xente que non temos o pracer de coñecer de xeito presencial.

-Plans de futuro? Gustaríalles probar con outros formatos? 

Neste momento estamos centradas en darlle continuidade ao proxecto actual. Somos conscientes do potencial de formatos como Reels ou Tiktok, pero polo de agora non os contemplamos. Pensamos que familiarizarnos con eles e producir contido para máis plataformas require un tempo que por desgraza non temos. O primordial para nós agora mesmo é desfrutar do que facemos sen abafarnos.

-Este tipo de proxectos poden axudar a que a xente se anime a falar en galego.

Si, por suposto. Temos constancia de que nos seguen varias persoas de fóra da Galiza que desexan aprender o noso idioma e doutras tantas que cambian a súa lingua á hora de interactuar connosco. En xeral, lonxe de atopar reticencias ou prexuízos absurdos, cremos que o feito de publicar en galego fixo que nos seguise moita máis xente. Hai vontade de cociñar e hai vontade de facelo en galego!

Comentarios