Ciudadanos considera un “atropelo” que o castelán “deixe de ser a lingua vehicular" no ensino

A coordinadora do partido na Galiza, Beatriz Pino, lamenta a emenda á reforma educativa aprobada polo PSOE, Unidas Podemos e Esquerra Republicana (ERC) e critica este dano á Constitución.

A coordinadora de Ciudadanos na Galiza, Beatriz Pino. (Foto: Ciudadanos)
photo_camera A coordinadora de Ciudadanos na Galiza, Beatriz Pino. (Foto: Ciudadanos)

A representación galega de Ciudadanos é contraria a que o castelán “deixe de ser a lingua vehicular na educación” en todo o territorio do Estado.

Após o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, afirmara que o cambio pactado polo PSOE, ERC e Unidas Podemos era buscar un “conflito” onde non o hai, esta sexta feira a coordinadora de Ciudadanos na Galiza, Beatriz Pino, asegurou que a modificación é un “atropelo” á Constitución.

Desde o punto de vista da formación laranxa, que se manifestou a través dun comunicado, a bautizada como Lei Celaá (que é unha reforma da LOMCE) “vulnera dereitos lingüísticos nas escolas dalgunhas comunidades” ao levar a cabo esta emenda.

“Malia que a día de hoxe non é un problema na Galiza, preocúpanos moito o auxe do nacionalismo na nosa comunidade”, sinala Pino.

Ao seu parecer, esta evolución social é “alarmante”.

“Cremos firmemente que non podemos ficar de brazos cruzados porque sabemos perfectamente a pretensión real desde o Goberno central en conivencia cos seus amigos nacionalistas”, asegurou.

“Somos moi conscientes de que, da mesma maneira que xa pasou noutras comunidades, os nacionalistas e populistas van usar Galiza para seguir a debilitar España, para seguir dando outro golpe definitivo e non o imos permitir”, advirte a representante de Ciudadanos.

Comentarios