mércores 25/11/20
A sexta edición deste evento decorrerá integramente en liña até o sábado 28

Cita co galego cada noite ás 21 horas no LGx15

Entre hoxe e o vindeiro sábado 28 de novembro, todos os días ás 21 horas, decorrerá unha das sete intervencións que este ano configuran o LGx15.
Imaxe da gravación do LGx15 2020. (Foto: LGx15)
Imaxe da gravación do LGx15 2020. (Foto: LGx15)

A CTNL (Coordinadora de Traballadoras e Traballadores da Lingua) traslada neste 2020 a sexta edición do “LGx15. Ideas para o futuro da lingua” ás pantallas dos dispositivos electrónicos, cunha versión de vídeos en liña que se estrean nas canles de YouTube e Facebook do LGx15, a partir das 21 horas de hoxe.

Desta maneira, a coordinadora pode levar a cabo o evento a pesar das restricións derivadas das medidas sanitarias para facerlle fronte á Covid-19. Os vídeos de cada unha das charlas graváronse sen público.

Estas sete charlas breves pretenden “transmitir de maneira visual, entretida e divertida ideas, argumentos e consellos para influír positivamente sobre o futuro do idioma”.

Entre as  persoas convidadas este 2020 ao LGx15 está o doutor en Medicina da USC (Universidade de Compostela), Ángel Carracedo, esta noite, cunha intervención que versará sobre a súa experiencia persoal no uso do galego na ciencia, no ensino universitario e na divulgación científica, cunha charla titulada O galego na miña vida.

As seguintes intervencións decorrerán a cargo de Esther Estévez, xornalista que leva a cabo o o #DígochoEu, e que desenvolverá unha charla titulada E falarei como eu queira, ou?.

A terza feira será a quenda para o adestrador de baloncesto Adrián Dios, que nos explicará sobre a situación do galego nese ámbito, Sempre coa lingua fóra: usando o galego no deporte.

Na cuarta e na quinta feira reproduciranse os vídeos da actriz Beatriz Campos, En galego, dende o berce, e Laura Marín, a participante máis nova desta edición, que intervirá sobre O camiño para volver ó galego.

As dúas últimas xornadas deste LGx15 en liña, o protagonismo terano o profesor e xornalista, Manuel Gago, que falará sobre Palabras, patrimonio e o sistema operativo de Galicia. E o sábado tocaralle aos Verto, Alberto Mira e Fernando Peleteiro falarán de Música pop e normalización lingüística.

As intervencións foron gravadas na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural de Santa Marta, grazas á cesión do espazo por parte do Concello de Santiago de Compostela.

Así mesmo, o LGx15 conta coa axuda económica da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

comentarios