'Chegar a casa': coprodución para a TVG-RTP onde os portugueses falan portugués e os galegos... castelán

Así se denuncia no Portal Galego da Língua. 'Chegar a casa' é unha serie de 20 episodios que xa se emite na televisión portuguesa e está á espera de se emitir na galega.
chegar a casa
photo_camera Unha imaxe da serie (Foto: RTP)

'Chegar a Casa' é unha nova serie de ficción que se está a emitir na televisión púbica portuguesa. "Unha coprodución  da SPi e da produtora CTV para a  RTP e para a TV de Galiza", segundo se recolle na páxina da canle pública lusa. Un proxecto realizado por  Sérgio Graciano que xuntou actores portugueses e galegos, con argumento de Filipa  Poppe e Joana  Andrade, cuxas  rodaxes decorreron en Arcos de Valdevez e Santiago de Compostela.

Unha serie, logo, rodada na Galiza e Portugal, con actrices e actores galegos e portugueses, feita por produtoras de aquí e de alén Miño e que se vai emitir nas televisións públicas portuguesa e galega. Un traballo no que, segundo denuncia o Portal Galego da Língua, os personaxes portugueses falan en portugués e os galegos... en castelán.

"As crianças morando em Portugal trocam para o castelhano ao falarem com o pai, galego que viveria em Compostela, e até a namorada deste -também galega- assinala a falta de entendimento linguístico ao atravessar o Minho (episódio 3). Umha situaçom que, para além de nom promover o idioma próprio, uma das premissas fundacionais da TVG, nem sequer é verossímil, assinalando um desentendimento que nom se dá", indican.

"As crianças morando em Portugal trocam para o castelhano ao falarem com o pai, galego que viveria em Compostela, e até a namorada deste -também galega- assinala a falta de entendimento linguístico ao atravessar o Minho"

Segundo este portal, "fórom já várias as pessoas galegas que, seguidoras da série, ficárom alarmadas polo tratamento linguístico e denunciárom a eliminaçom do galego numa produçom em que a TVG e, portanto, a Xunta da Galiza, deveria ter tomado medidas para evitar essa falta de respeito contra as galegas e galegos".

O PGL indica que puxo estes feitos en coñecemento da Mesa pola Normalización Lingüística.

E de que vai  'Chegar a Casa'? É a historia de  Marta, unha muller que regresa á súa terra natal, en Portugal, despois dunha vida de 15 anos en Santiago de Compostela, tras o fracaso do seu casamento.  Marta acaba de ouvir a frase que máis temía do seu marido  Cayetano. Quince anos de casamento, dous fillos, unha casa pagada ao banco e a rotina que ela pensaba ser de felicidade e amor.

Cayetano,  CEO dunha empresa de telecomunicacións, pediu o divorcio e todos os sinais que  Marta ignorou ao longo de meses fan agora sentido. Na vida de  Cayetano existe outra persoa,  Lola, unha muller máis nova.  Marta, responsábel de comunicación na empresa de  Cayetano, decide pedir a dimisión e mudarse cos fillos para a terra dos pais, Arcos de  Valdevez, no norte de Portugal. Cayetano foi vivir coa nova noiva. Este divorcio será só o caer da primeira peza dun  dominó que, co seu efecto, irá afectar todos.

CRTVG, "nada que ver"

Desde a CRTVG sinalan que a serie é unha coproducción de CTV, SPI e participada polo RTP. A CRTVG non participou neste proxecto como coproductora, apuntan. "Isto significa que non ten nada que ver en ningunha parte do proceso, nin no desenvolvemento do proxecto nin no financiamento".

Unha vez emitida esta serie en Portugal, "Chegar a casa"  é ofrecida á CRTVG que adquire os dereitos de emisión da versión en galego, como fai en tantas outras ocasións, engade, o que dinamiza tamén o sector da dobraxe en galego.

Comentarios