Chaman á Xunta a recuperar o consenso nas políticas de normalización lingüística

Movementos sociais e oposición exixen a demisión do conselleiro de Educación e demandan a recuperación do consenso en Política lingüística. En contraposición ao amplo abano social e cidadá que se parabeniza pola decisión do TSXG, desde Galicia Bilingüe consideran que a sentenza "se suprime la posibilidad de que el alumno se exprese en la lengua oficial que quiera".
Manifestación contra o decreto
photo_camera Manifestación contra o decreto

As reaccións á sentenza do TSXG a respecto do Decreto do plurilingüismo continúan a se suceder. Neste senso, a Plataforma cidadá Queremos Galego asegura que foi o clamor popular manifestado pola cidadanía galega ao longo destes anos, "a chave" para que a xustiza "anulase os principais artigos do decretazo" e valora como "un éxito" as históricas mobilizacións. Aliás, fai un chamado ao executivo galego para que "exerza as súas funcións con sentido común" e "volte ao camiño do consenso e da normalización do noso idioma", nun exercicio de responsabilidade coa súa labor. A plataforma cidadá asegura que a Xunta de Galiza "debe aprender a lección de dignidade" que reflectiu a masiva resposta social contra o decreto e lembra --fronte á actitude mantida desde o executivo galego-- que a sentenza do TSXG é clara e "tomba o artigo 5.2 do decreto, relativo á consulta en educación infantil".

Así pois, e como xa fixera A Mesa pola Normalización Lingüística após coñecer a sentenza do TSXG, desde Queremos Galego piden a "inmediata derrogación" do decreto e "que a Xunta de Galiza retome o camiño da normalización lingüística". A esta demanda súmanse numerosos movementos sociais e colectivos que exixen a recuperación efectiva do Plano de Normalización Lingüística, aprobado en 2004 co apoio de todas as forzas políticas con representación parlamentar.

Pola contra, desde Galicia Bilingüe entenden o fallo do TSXG como un paso atrás pois, apuntan, ""se suprime la posibilidad de que el alumno se exprese en la lengua oficial que quiera".

Francisco Fernández Rei: Membro da RAG e catedrático da USC:

Fernández REi, membro da RAG afirma: "É un motivo de alegría. Paréceme positivo e temos que felicitarnos todas as persoas e institucións que presentamos recursos e nos manifestamos. Máis nestes puntos que eliminaban na etapa infantil o idioma. Son dous puntos fundamentais. Estou contento como tanta xente que traballa na defensa da lingua"

Asociación de Escritores en Língua Galega

O presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez, agarda que a sentenza conduza a que “a normalidade democrática saia de actitudes de gobernos e non de sentenzas xudiciais porque o balance é que foron lesionados os dereitos democráticos no emprego da nosa lingua”.

“Aos escritores vainos a vida en que os nenos e nenas galegas podanvivir na súa lingua. Sería un síntoma de normalidade democrática que se restituira o plano de normalización aprobado polo consenso de todas as forzas políticas e que non se tivera que recorrer á xustiza para que se nos devolvan os dereitos que foron conculcados”.

BNG pide a derrogación do decreto e que Feijóo "tome nota"

O BNG demandaba xa, ao pouco de coñecerse a sentenza, a inmediata derrogación do Decreto do Plurilingüismo e o censamento do conselleiro de Educación en funcións. "O Goberno Feijóo debe asumir responsabilidades pola súa política agresiva contra a lingua galega, agora sancionada tamén polo poder xudicial".

O voceiro nacional da fronte nacionalista, Guillerme Vázaquez, insta á Xunta a que se abra o proceso conducente a unha nova lexislación do uso do galego no ensino que coloque a nosa lingua en pé de igualdade co español nas aulas de Galiza.

A CIG incide na necesidade de volver ao consenso que dinamitou Feijóo

Anxo Louzao, secretario xeral de CIG-Ensino, sinalou que a raíz da decisión do TSXG o goberno debe derrogar o decreto, e avogou pola volta ao consenso en base á unanimidade acadada no seu día no Parlamento en torno ao Plan Xeral de Normalización Lingüística.

Louzao lembrou que o galego é unha cuestión que atinxe a tod@s @s galeg@s, polo que non se pode limitar a decisión ás familias. "Tal e como as familias non poden fixar as materias a impartir ou os horarios, tampouco poden fixar o idioma utilizado".

PSdeG pide que Jesús Vázquez "non volva ser conselleiro"

Desde o PSdeG avogou porque Jesús Vázquez "non volva ser conselleiro", pois entende que é o responsábel de conducir "un proceso erróneo, traumático e cionvulso" que callou no decretazo.

Para o secretario xeral dos socialistas galegos, a sentenza do TSX supón "un soplo de aire fresco".

CCOO congratúlase da sentenza

CCOO-Ensino amosou a súa satisfacción coa sentenza do TSXG e dixo confíar en que o recurso presentado por este sindicato diante dos tribunais contra ese decreto sexa contestado de xeito favorable en vindeiras datas.

 CCOO-Ensino incide en mostrar o seu "rexeitamento á postura do Goberno do PP de estimular o enfrontamento por razón da lingua, para satisfacer os sectores máis extremistas que defenden a primacía da lingua castelá".

EU pide ao goberno que asuma "responsabilidades"

A Executiva Nacional de Esquerda Unida reclama nun comunicado ao Goberno de Feijóo "a asunción de responsabilidades e, xa que logo, a demisión do conselleiro de Cultura e Educación, primeiro responsable de executar unha agresión a lingua galega cun decreto que hoxendía resta deslexitimido e que urxe rectificar".

A deputada de AGE no Parlamento Galego vén de reclamar "un punto de inflexión: a sentenza do TXSG imponlle a Feijóo unha rectificación e a recuperación dos acordos para garantir a normalización lingüística contidos na Lei de Normalización e no desenvolvemento do Plan".

Comentarios