CONTA ATRáS PARA O 8F

A chamada do galego mobiliza ducias de auto-carros rumbo a Compostela

Todo preparado para unha mobilización que quer ser histórica. @s convocantes prevén que máis de 50 autobuses procedentes das diferentes comarcas galegas cheguen á capital de Galiza para a manifestación de Queremos Galego (8 de febreiro, 12 h, Alameda).

Que Compostela acolla unha maré humana a favor do galego este domingo 8 de febreiro é máis que plausíbel. Desde as diferentes comarcas de Galiza está todo organizado para que toda aquela persoa que queira estar na Alameda da capital galega o domingo ás 12:00 horas para defender o idioma propio do país poida facelo. Fontes da organización indican a Sermos Galiza que se pode acadar estar perto dun cento de auto-carros que ese día chegarán a Compostela con xente que quere un presente e un futuro para a nosa lingua.

Mais non só en auto-carros chegarán a Santiago as e os manifestantes. A organización lembra que hai xente que xa sinalou que irá en tren ou en carro particular. “Hai moitos que van vir en familia e aproveitarán para pasar o día en Compostela”. Unha xornada para a reivindicación que tamén quer ir da man dun ambiente de ledicia. Por volta dunhas cen persoas encargaranse ese día desde o dispositivo de organización de que todo saia á perfección.

Compromiso, música e teatro co HT #queremosgalego

A manifestación partirá da Alameda de Compostela ás 12:00 horas para percorrer rúas do Ensanche e Zona Vella até desembocar na Praza da Quintana. Alí decorrerá o acto final da mobilización, que será presentado por Xosé Lois ‘O Carrabouxo’ e Isabel Risco. Un grupo de crianzas acompañados das súas nais dará lectura ao manifesto de ‘Polas Fillas dos nosos fillos’. O ramo porao Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.

Mais tamén haberá tempo para a música, da man de Caxade e Migallas, e para o humor, con Mofa e Befa. O HT para ese día será o de #QueremosGalego, sen prexuízo de que poidan ir xurdindo outros. De feito o ‘bloco laranja’ -reintegracionista- que vai con cortexo propio na mobilización está a empregar #ALínguaFaiNosLivres ou #8fEuBlocoLaranja

“Se queremos futuro para o idioma, para Galiza, para as fillas dos nosos fillos, este é o momento de parar e darlle a volta a política de odio ao galego. Polas fillas dos nosos fillos queremos un goberno que queira o galego, que queira ao seu pobo”, manifestou Queremos Galego na presentación da mobilización do 8 de febreiro. Este domingo milleiros de persoas pedirán nas rúas ese ‘darlle a volta’ á política lingüística en Galiza. 

Comentarios