A celebración do Día dos Medios Galegos terá lugar en Compostela

Este sábado decorrerá na capital a ruta 'Compostela e a lingua', baixo o lema "Saca a lingua a pacer". A Asociación de Medios en Galego sinala que este día serve para valorizar o labor das máis de 30 cabeceiras que forman Amega e os máis de 140 medios que fan comunicación actualmente na nosa lingua. 
Monumento Rosalía de Castro en Santiago
photo_camera Monumento a Rosalía de Castro en Compostela (Foto: Amega).

Como cada ano, arredor do 7 de febreiro ten lugar a conmemoración do Día dos Medios en Galego. A data fai referencia ao aniversario da saída do prelo da primeira publicación xornalística realizada integramente en galego, O tío Marcos d’A Portela.

A escolla desta data foi ratificada de modo institucional por unha declaración conxunta de todos os grupos políticos -que daquela tiñan representación- no Parlamento da Galiza o 7 de febreiro de 2018.

Co gallo deste festexo, a Asociación de Medios en Galego (Amega) organizará a ruta 'Compostela e a lingua', que se desenvolverá na capital galega o próximo sábado, 5 de febreiro. Contará coa participación de persoas do ámbito da nosa cultura como a poeta Rosalía Fernández Rial, a compañía de teatro Os Quinquilláns, o escritor Bieito Iglesias, e a profesora Anxos García Fonte.

Baixo o lema "Bota a lingua a pacer", iranse realizando paradas en diversos lugares simbólicos na loita polo mantemento do idioma nun percurso que estará acompañado polo cuarteto da Asociación Cultural Panaraiada.

O roteiro arrincará ás 11.30 horas diante do Salón Teatro, na Rúa Nova nº34. Alí Os Quinquilláns representarán unha pequena escena dunha das obras de Roberto Vidal Bolaño, conmemorando así o vinte aniversario so seu pasamento.

Como participar?

Para participar na ruta "Compostela e a lingua", na que colaboran a Xunta da Galiza, a Deputación da Coruña e o Concello de Santiago, será necesario inscribirse a través do enderezo electrónico da Amega ([email protected]).

Quinta edición

O Día dos medios en galego decorreu en Barallobre (Fene) en 2018. En 2019 a gala tivo lugar en Pontevedra. En 2020 o acto fíxose en Carballo.

Xa en 2021 -por mor da pandemia-  realizouse unha retransmisión en liña adiada polas restricións e que se emitiu o 20 de marzo polas canles da Amega, as radios municipais e Nós Televisión. No 2022 o evento terá lugar por primeira vez na capital galega, na súa quinta edición.

Comentarios