Como dicilo?

Castelos no ar

Castelo de Pambre.
photo_camera O Castelo de Pambre, este non no ar

Din os portugueses Fazer castelos no ar, para, sen base ningunha, sen alicerces, levantar algo que axiña se pode derrubar doadamente como cartas en pé. É como construír na area. Máis que fabricar algo consistente pois é tecer soños.

 

Os españois din Hacer castillos en el aire e os franceses Faire des châteaux en Espagne (facer castelos en España) se cadra porque facelo lonxe do país de un, a máis de impedir comprobar a veracidade do que se afirma, equival a perder o control, a descontrolarse.

 

Dende o francés entrou en diversas linguas outra frase equivalente, que en portugués di vender a pele do urso antes de o ter morto (ou antes de o matar) e en español vender la piel del oso antes de cazarlo.

 

Unha e outra veñen sendo o conto da leiteira, botar as contas dela Vemos que está moi perto daqueloutro consello ou conclusión galega que xa citamos: non se poden botar as contas sen a taberneira. Ou, o que vén sendo o mesmo: non se pode cantar vitoria antes de tempo.

 

Por outra banda, temos en galego unha frase que acai perfectamente a esa situación na que xa andamos a repartir os bens na nosa cabeza antes de dispormos deles. Dicimos, daquela: Aínda non asamos e xa pingamos. Aínda non puxemos a carne no forno e xa estamos nós vendo como escorrega o pingo, a graxa.

 

Dicimos, daquela: Aínda non asamos e xa pingamos. Aínda non puxemos a carne no forno e xa estamos nós vendo como escorrega o pingo, a graxa

 

Pingar non o dicimos só da graxa, senón de todo líquido que escorre e cai en pingas, en gotas. E o verbo tamén ten algunhas outras acepcións figuradas, moi especificamente galegas, como cando lle dicimos a alguén que lle pinga unha prenda de roupa; estamos sinalando que lle pende, que lle cai de mais nun punto descompensando a regularidade ou sobresaíndo.

 

Como xa dixemos, tamén ás veces o substantivo pinga denomina un líquido moi concreto e específico, o viño ou o alcohol.

 

O verbo pingar forma algunhas outras frases feitas galegas: pingar o moco é chorar, pingar laceira (e de aí ser un pingalaceira) é atoparse nun estado de total miseria. Poñerse pingando é mollarse moitísimo, mais cómpre non confundir esta frase con poñer a alguén pingando pois a primeira ten un sentido propio, literal, e a segunda figurado, ‘criticar moi duramente, dar unha boa reprimenda’.

 

Estas expresións non existen en español, aínda que si entraron dende o galego no “castelán de Galiza”. Tampouco non existe –nova sorpresa para moitos e moitas– a palabra pinganilla, que os galegos e galegas usamos tan habitualmente para denominar a secreción nasal acuosa propia da catarreira. Non existe en español: trátase dunha construción léxica galega. Outro caso como esmagar, colo, reseso, toro de pescado e tantos outros galeguismos.

Comentarios