O castelán domina o panorama editorial galego

Galiza editou un total de 2.213 títulos en 2019, un 10,8% máis que o exercicio anterior. Os publicados en castelán son un 47,5% fronte ao 40,4% dos títulos que se editan en galego.

Co comezo do outono, a editoriais lanzan as súas novidades da tempada. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Co comezo do outono, a editoriais lanzan as súas novidades da tempada. (Foto: Nós Diario)

A produción editorial en lingua galega segue a ser menor da que se publica en castelán segundo os datos facilitados esta segunda feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Segundo este organismo, Galiza editou un total de 2.213 títulos no ano 2019, un 3,4% da produción total do Estado español e rexistra, á súa vez, un incremento do 10,8% respecto dos datos rexistrados no exercicio anterior.

Este incremento non veu acompañado dunha maior saída ao mercado de publicacións en galego. Un 47,5% das publicacións saen ao público en castelán, mentres que un 40,4% dos títulos na Galiza editáronse en lingua galega, uns 1.048, que á súa vez representa o 1,6% das obras e publicacións de todo o Estado. En número de publicacións están por diante da Galiza a Comunidade de Madrid, Catalunya, Andalucía e o País Valencià.

Edicións bilingües

Outros 130 títulos editáronse en galego e castelán, dentro das pezas impulsadas en dúas ou máis idiomas, un 0,3% en catalán e un 3,8% noutras linguas.

Do total de títulos editados no idioma propio da Galiza, a práctica totalidade editouse no país (o 85,2%), aínda que destaca o 9,4% na Comunidade de Madrid e o 2,7% en Catalunya editado nesta lingua.

Domina a literatura, a historia e a crítica literaria

A maioría destes títulos editáronse nas comarcas da Coruña e Pontevedra, en concreto uns 1.300 e 724, respectivamente, seguidas das de Ourense con 96 e das Lugo con 93.

Un total de 1.814 destas publicacións tratáronse de libros e 399 folletos. Por temas e categorías, unhas 1.060 correspondíanse con obras de literatura, historia ou crítica literaria, 299 de ciencias sociais, 265 de xeografía e historia e 232 sobre artes, entre outros, mentres que 329 tratáronse de publicacións oficiais e 321 de publicacións infantís e xuvenís.

Comentarios