Case 2.000 persoas exixen á CRTVG que implante unha canle televisiva para o público infantil

O documento coas firmas, que neste momento superan as 1.800, será entregado ao director xeral da Corporación de Radio Televisión da Galiza, Alfonso Sánchez Izquierdo, e ao Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez. A idea é que haxa unha programación continuada para as crianzas na lingua do país.
xabarin club
photo_camera Imaxe do Xabarín na páxina web da CRTVG. (Foto: CRTVG)
Na Galiza hai unha, ou máis, xeracións moi apegadas ao Xabarín Club e diso non hai dúbida. Mais agora esas persoas que creceron escoitando as cancións das bandas do país no programa e vendo debuxos animados dobrados ao galego queren que as crianzas continúen tendo esa oportunidade de ter a lingua cooficial do país no seu día a día.
 
Proba da admiración que xeraba este clube da Galega é que máis de 1.800 galegas e galegos teñen firmado en tan só 12 horas unha petición para crear unha canle con programación exclusivamente infantil no seo da CRTVG.
 
A emisora bautizaríase como Xabarín Club, como fixo público este sábado A Mesa pola Normalización Lingüística, que esta facendo o labor de recollida. O interese fundamental das e dos firmantes é que conte cunha "programación infantil e xuvenil en galego na TVG". A acción está a acadar gran repercusión na rede social Twitter, onde naceu o movemento arredor da conta @tvg_infantil_xa.
 
A petición farase chegar ao director xeral da Corporación de Radio Televisión de Galiza (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, e tamén ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez Rodríguez.
 
A Mesa destaca que a motivación que implicou o lanzamento desta iniciativa é que "a galega é a única lingua oficial no Estado español que non conta cunha canle de emisión continuada de programación infantil e xuvenil". "A través de canles como Clan, Super3 ou ETB3 todas as crianzas, rapaces e raparigas do Estado español poden gozar dos mellores contidos televisivos na súa lingua agás as galegas", inciden.
 
"Só o 4,6% da progamación infantil e xuvenil semanal está en galego, caendo ao 2,7% na fin de semana", lamenta o presidente do colectivo, Marcos Maceira. A entidade opina que é motivo de alarma o "retroceso da presenza da lingua galega na programación televisiva".
 
"É lamentábel que non se poidan visualizar en galego debuxos animados que tiveron grande impacto e éxito en Galiza", remarcou o representante.
 

Comentarios