Máis un ano Carvalho Calero foi lembrado e homenaxeado na súa cidade natal, Ferrol, e máis un ano este recoñecemento veu da man da Fundaçom Artábria, que leva máis de dúas décadas recordando o filólogo e escritor.
O acto principal decorreu diante da casa natal de Carvalho Calero, no Ferrol Vello, e en estado case ruinoso. Poesía e música acompañaron o acto que comprendeu unha ofrenda floral. Houbo diversas intervencións, entre elas a de Xende López interveu en representación de Artábria. Lembrou o Carvalho escritor, o Carvalho lingüista mais quixo facer fincapé tamén “o seu papel cívico e político como luitador antifascista, na juventude, numha das piores regressons do Estado espanhol para posiçons reacionárias, a partir do golpe de 1936”.
Era o ferrolán un “home de esquerda e patriota galego" que se comprometeu no combate contra o fascismo. “Agora que a língua precisa de novos compromissos, é mais necessário que nunca reivindicarmos Ricardo Carvalho Calero. E agora que a vaga reacionária ameaça novamente com esmagar direitos conquistados por décadas de luitas sociais, com o fascismo ganhando novo fôlego e mesmo protagonizando agressons impunes nas nossas ruas, o exemplo antifascista de Ricardo Carvalho Carvalho também deve ajudar-nos a fortalecer e necessária resposta coletiva”, manifestou.
Unha sesión vermú con acompañamento musical na sede da Fundaçom puxo o ramo ao acto.