Carlos Callón irá de maneira excepcional de novo a xuízo o próximo 10 de maio após ter sido absolto

Unha semana antes da manifestación do 17 de maio, o presidente da MNL terá que declarar de novo na Audiencia da Coruña pola súa defensa da Lei de Normalización Lingüística. Fora absolto da acusación presentada polo ex-xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandión por lle chamar a atención perante a súa afirmación de que utilizaba a “ilegalidad del topónimo La Coruña” sen rubor

Carlos Callón
photo_camera Carlos Callón


O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística terá que ir de novo a xuízo a próxima sexta feira 10 de maio ás 10 horas, diante da sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña, despois de ter recorrido o ex-xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, quen o acusara de inxurias ao defender a Lei de Normalización fronte a súa afirmación de que non tiña rubor en utilizar “la ilegalidad del topónimo La Coruña”.

O presidente da MNL terá que volver a declarar, de forma sorpresiva, ao ser aceptado o recurso de apelación presentado polo demandante Antonio Fraga Mandián e serlle concedida a vista co fin de repetir o proceso cun novo xuíz, unha vez foi absolto na anterior resolución. A Carlos Callón quédalle a posibilidade de presentar un recurso de súplica sobre a singular decisión de ter que volver a declarar despois de haber unha sentenza firme.

"A sentenza que absolvía en xaneiro Carlos Callón concluía que as declaracións polas que fora obxecto de denuncia por parte de Antonio Fraga Mandián se exercera no uso do dereito á súa liberdade de expresión".

A situación á que se enfronta agora Carlos Callón é singular nos procesos xudiciais xa que, estando recollido na lexislación de maneira teórica, a repetición de xuízo, sen estar fundamentada nunha previa petición de recibimento a proba do recurso de apelación, é unha posibilidade remota que case nunca acontece cando se recorre unha sentenza absolutoria. Desde fontes especialistas apuntan a posibilidade de que esta circunstancia está a anticipar unha sentenza condenatoria e unha manobra para remitir o caso a un tribunal parcial, unha vez a audiencia decide revisar a anterior decisión xudicial en favor do recorrente. O demandante Antonio Fraga Mandián ten así unha segunda oportunidade para lograr que Carlos Callón saia condenado, cun trato favorábel con respecto ao que prevé a lei de axuizamento criminal.

A sentenza que absolvía en xaneiro Carlos Callón concluía que as declaracións polas que fora obxecto de denuncia por parte de Antonio Fraga Mandián se exerceran no uso do seu dereito á liberdade de expresión. Callón fora imputado por un delito de inxurias após terlle recriminado ao ex-xuíz decano da Coruña, Antonio Fraga Mandián, o incumprimento da Lei de Normalización Lingüística ao declarar que "no tengo ningún rubor en usar la ilegalidad del topónimo La Coruña". Aínda que a denuncia fora inicialmente desestimada, un recurso presentado por Fraga Mandián resultou na vista que se desenvolveu en xaneiro co resultado de sentenza absolutoria.

O xuízo de xaneiro motivou varias protestas e mostras de solidariedade quer no momento da vista quer nos meses anteriores ao se considerar "unha persecución cara á criminalización das opinións e da lexítima defensa do noso idioma".  

Comentarios