LINGUA

Carlos Callón: ''Feijóo é aínda peor que Fraga''

Aínda que matiza que as políticas do fraguismo en materia lingüística foron ''un sedante oportunista'', o titular da Mesa pola Normalización Lingüística, que seguirá á fronte da entidade durante outros tres anos tras a última asamblea xeral, cualifica de ''indecentes'' as medidas da Xunta de Feijóo
Carlos Callón, nunha imaxe de arquivo
photo_camera Carlos Callón, nunha imaxe de arquivo

Carlos Callón volveu ser elixido presidente da Mesa pola Normalización Lingüística tras a asemblea xeral celebrada o sábado en Ourense. Falamos con el sobre o que supón estar á fronte desta plataforma nuns anos nos que a lingua está a ser obxectivo dos maiores recortes emprendidos pola Xunta de Galiza. Anuncia que o seu obxectivo principal será "facerlle fronte á caza de bruxas institucional contra o galego".

P: Haberá aínda quen nunha época de recortes sociais dirá que a lingua é algo intranscendente.

R: A Xunta de Feijóo gastou catro millóns de euros en recortes ao noso idioma, entre acabar coas galescolas, co apoio aos medios, á normalización.... É indecente o que está a facer este goberno co galego. Catro millóns de euros...

P: Hai quen en termos de defensa da lingua até bota de menos o 'fraguismo'.

R: Non me gusta falar neses términos que poden ser enganosos, mais efectivamente, Feijóo é aínda peor. Pero non esquezamos que Fraga o que fixo foi pór unha especie de sedante oportunista que xa avisamos que non camiñaba na mellor dirección.

P: Entre outros lugares, resulta evidente que coa chegada de Feijóo baixou a presenza do galego nos medios públicos.

R: Está claro que non se cumpre coa obriga legal pola que se crearon os medios públicos galegos, que é a normalización da nosa lingua. Mais non só iso, senón que hai unha censura brutal contra tod@s aqueles que exiximos só que se aplique a lei, a plataforma Queremos Galego está absolutamente silenciada nos medios públicos, estamos censurados, malia que nos saquen un par de veces ao ano, cando, resulta obvio, a nosa actividade é moito maior.

P: Por certo, fálase dun momento de división entre os sectores que defenden a identidade galega, nomeadamente entre o nacionalismo, marchou xente da Mesa?

R: Somos 4.000 afiliados e moi plurais, entre nós hai xente que milita en organizacións políticas diversas, e non todas do campo do nacionalismo. A verdade é que nos últimos tempos non é que tivésemos baixas, senón que aumentamos afiliación en 169 persoas. Pero o importante é que sexamos milleiros nas mobilizacións que estamos a convocar.

Comentarios