Carlos Callón pon ponto final á súa etapa ao fronte da MNL

O lingüísta e escritor Carlos Callón comunica mediante unha carta publicada nas redes sociais a súa despedida da presidencia da Mesa pola Normalización Lingüística despois de doce anos no cargo. O relevo producirase na asemblea do 26 de abril e a nova directiva será, segundo Callón, “de continuidade”. 

Carlos Callón
photo_camera Carlos Callón

Carlos Callón non encabezará a candidatura á nova Comisión Permanente que se presente na próxima asemblea nacional que terá lugar o vindeiro 26 de abril no Centro Sociocultural Ágora da Coruña. Así o notificou o até agora presidente da MNL nunha carta que publica na súa páxina de facebook, na que explica a súa despedida por dúas razóns, a primeira pola vontade de renovación  nos cargos e a segunda, máis de carácter persoal, pola necesidade de “asumir novos retos”. Carlos Callón leva na presidencia doce anos e, segundo di, a “metade da vida” formando parte da Comisión Permanente. 

“Tivemos que batallar nunhas circunstancias moi complexas mais conseguimos ser un escudo en defensa do galego e organizar á sociedade contra o retroceso da lingua que se produciu en especial desde que Feijóo está na Xunta”, comenta Carlos Callón, nunha conversa na que defende que o seu papel é despedirse mais non adianta o nome de quen o substituirá á fronte da asociación con máis persoas asociadas do país. “Será de continuidade, iso si o podo dicir, e terá todo o meu apoio”, apunta Callón. Sen dar o nome de quen o substituirá, Callón fai mención especial  a Iria Taibo, a persoa que o acompañou nas tarefas da Mesa, asesorando, construíndo, militando e encamiñando a organización, segundo recoñece o até agora presidente. 

Permanente de continuidade 

Deixa a presidencia  nun momento, ao seu ver, “especialmente difícil para a lingua, mais a Mesa conseguiu que a sociedade se activase xa que estamos a xogarnos o futuro do galego de verdade”. Lembra, sen embargo, como a época máis dura da organización o tempo que foi dos anos 2008 ao 2010 con “tentativas de criminalización como nunca se produciran, con publicacións de reportaxes que eran verdadeiros ataques mais conseguimos continuar con forza e iso foi un grande suceso para nós”. 

A candidatura será, segundo afirma Callón, “continuadora, con membros da actual dirección da asociación e coa incorporación de novas mans”. O seu desexo é, segundo comenta, volver ao ensino, no centro de secundaria de Caldas de Reis onde ten a praza mais outros retos persoais que, polo de agora non desvela. Adianta, iso si, que no mes de xuño verá a luz un novo libro da súa autoría, neste caso, un poemario. “Fun, son e serei sempre un sachador das mil primaveras máis e estarei coa Mesa sempre que fixer falta, co seu compromiso inquebrantábel e insubornábel en defensa da lingua que nos une”, apunta na carta publicada en facebook no que insiste na continuidade do seu compromiso coa Mesa, a partir de agora, como “activista”.

Comentarios