domingo 24.05.2020
Só 0,6% dos xoguetes inclúen o galego

Carbón para as galegofalantes neste Nadal

Chega o Nadal, e con el a compra desaforada de agasallos. Mais a realidade que afrontan as consumidoras galegas é que atopar nos comercios regalos na lingua do país resulta misión case imposíbel, en especial no sector dos xogos infantís, onde só 0,6% dos xoguetes o inclúen no seu contido. Institucións como A Mesa apelan nestas datas á “responsabilidade lingüística” na adquisición dos agasallos e ao “compromiso” da Xunta para acabar con esta situación de minorización.Eis un estrato da peza publicada no número 377 do semanario en papel Sermos Galiza.
Carbón para as galegofalantes neste Nadal

San Mateo recolle no versículo 24 do capítulo 19 do seu Evanxelio unha frase de Xesús de Nazaret que sería popularizada nos anos 70 do pasado século polos seguidores da Teoloxía da Liberación: “É máis fácil que un camelo pase polo ollo dunha agulla que un rico entre no Reino dos Ceos”.

Resulta innecesario afondar aquí nas palabras do fillo de Deus, mais se o libro sagrado fose escrito a día de hoxe, e na Galiza en lugar de en Oriente Medio, quizais podería ter feito a analoxía sobre as escasísimas posibilidades de que un privilexiado entre no seu reino comparándoas coas de que alguén atope un xoguete en galego nunha gran superficie.

m2_XoguetesGalego

Porque a probabilidade de que o Apalpador lles agasalle ás crianzas do país un xogo que inclúa a lingua galega no seu contido ou etiquetaxe, dá igual que sexa de construción, de mesa, un peluche ou unha boneca, é 0,6%, segundo revela un informe da Mesa pola Normalización Lingüística.

Para poñer en perspectiva o dato, hai seis anos e medio o Celta salvou a categoría na última xornada da Liga cando a matemática lle daba tan só 4,01% de posibilidades de facelo, e aínda a día de hoxe os celestes festexan aquel día como unha das maiores xestas do club nos últimos tempos.

Mais a situación non é exclusiva do sector do xoguete, esténdese a todo o universo do agasallo, algo que queda acentuado nestas datas, nas que a progresiva mercantilización do Nadal fixo que mercar se convertese xa no centro das festividades.

A Mesa propón agasallar con “responsabilidade lingüística"

Marcos Maceira, presidente da Mesa, fai un chamamento para que se adquiran os agasallos con “responsabilidade lingüística”, e lembra á cidadanía as dúas ferramentas que A Mesa pon ao seu dispor para conseguilo: a app móbil Abertos ao Galego e o tradicional catálogo de Nadal, que compila propostas de galanos de empresas comprometidas coa lingua.

O activista lingüístico explica que son conscientes da “minorización” que sofre o idioma no sector do agasallo en xeral, e do xoguete en particular, circunstancia da que responsabiliza, en parte,  a Xunta de Galiza: “Falta compromiso empresarial, mais tamén do Goberno galego. Eles teñen que garantir que a lingua teña presenza, obrigando a que se inclúa a opción de galego en todos os produtos e xoguetes, que veñen en ducias de linguas, pero nunca na nosa, sendo ademais oficial, aínda que non o pareza”.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 377 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]   

comentarios