O Carballiño promociona a súa festa "do pulpo" nos autobuses de Lugo

A Mesa pola Normalización Lingüística lamenta esta elección de palabras para a campaña publicitaria após unha denuncia chegada a través da Liña do Galego. Algunhas usuarias xa criticaron que os carteis circulan por toda a Galiza.
Imaxe da publicidade nun autocar de Lugo. (Foto: A Mesa)
photo_camera Imaxe da publicidade nun autocar de Lugo. (Foto: A Mesa)

A Mesa pola Normalización Lingüística vén de facer pública a través das súas redes sociais unha suposta nova aldraxe ao idioma da terra que tería chegado a través da Liña do Galego.

A través dunha mensaxe clara pero concisa, a organización na defensa da lingua galega sinala: "Terríbel a imaxe que nos envían da publicidade dun autobús en Lugo". No cartel que vai no autocar pode lerse "A festa do pulpo do Carballiño" a modo de promoción deste evento gastronómico de sobra coñecido na Galiza.

Como resposta á súa crítica A Mesa atopou comentarios que aluden a que a imaxe está estendida por "Boiro" e outras localidades costeiras. Seguramente xa chegara a todo o país.

Malia que non se explica con exactitude quen son os responsábeis desta acción promocional do evento do Carballiño, a imaxe deixa ver unha marca de cervexa o que podería significar que os carteis están inseridos nunha acción moito máis ampla na que se fala de diferentes festas que non camiñan "soas".

En todo caso, a crítica xurde polo emprego da palabra "pulpo" en castelán nun nome en galego. A comunidade de usuarias de Twitter mesmo fai brincadeiras con que non se elixise "festa do polvo do Carballiño" por se levaba a confusións "eróticas" as e os turistas.

"Se vulneran os teus dereitos lingüísticos por facer uso da lingua galega, ponte en contacto coa Mesa pola Normalización Lingüística", remata pedindo a organización, que hoxe tivo unha mañá especialmente activa nas redes.

De feito, tamén aludiu á suposta "discriminación lingüística por facer un test na nosa lingua", pois houbo persoas que se atoparon con problemas porque non lles validaron as probas da Covid-19, e lamentou que a Xunta só envíe a información do consentimento para vacinar á mocidade en castelán.

Comentarios