Unha campaña cidadá insta a cancelar a subscrición a Netflix polo "desprezo" ao catalán

‘Una revetlla sense Netflix’ é o lema da campaña cidadá impulsada contra a política lingüística da plataforma de contidos en liña, que discrimina as outras linguas oficiais do Estado diferentes ao español.

A compañía audiovisual incorporará diferentes títulos en galego ao longo do ano (Foto: Diego Cervo). #netflix #audiovisual
photo_camera A compañía audiovisual comprometeuse a incorporar diferentes títulos en galego ao longo do ano (Foto: Diego Cervo).

A falta de contidos en lingua catalá en Netflix motivou unha campaña cidadá nos Països Cataláns que consiste en cancelar a subscrición á plataforma de contidos audiovisuais de pago.

Trátase de “Una revetlla sense Netflix” e empraza a darse de baixa na véspera do San Xoán. Impulsada pola lingüista Carme Junyent, quen en declaracións a Vilaweb, pon de manifesto que “se a eles [a empresa] só lle preocupan os números, eu non quero ser un número. Se eles nos menosprezan, cando menos eu non pagarei para que o fagan”.

“Estes días vin que Netflix ten 147 millóns de aboados, é evidente que non nos necesitan, mais non queremos formar parte mentres nos ignoren”, acrecenta a lingüista, que apela a “facelo por nós, é unha forma de liberación e de amosar que non somos tan inxenuos”.

O procedemento para anular a subscrición de Netflix é relativamente doada, e pode facerse desde a aplicación e tamén desde a páxina web. Accedendo á fotografía de perfil da persoa usuaria, desprégase un menú con diversas opcións, entre elas “Conta”. Unha vez dentro, o sistema redirixe a persoa usuaria ao apartado “Subscrición e facturación”, a través do cal é posíbel cancelar a subscrición.

Só unha serie de 4.339 en galego

O Estado español é, xunto a Francia, o que máis garantías exixe a Netflix para promover o seu idioma propio e faino en detrimento de galego, vasco e catalán, hoxe en día desprotexidos na plataforma.

O 55% do contido emitido por Netflix é, na súa orixe, inglés. En hindú un 10%, en español un 6%, en xaponés un 4% e o 25% nas restantes linguas, entre elas o galego. A respecto do contido propio de Netflix, o 65% está feito orixinariamente en inglés.

En 2018, o Parlamento Europeo exixía que cando menos o 30% das producións que Netflix distribúe na UE fose en linguas europeas en 2020. Os Estados español e francés foron os que máis insistiron para conseguir a máxima protección posíbel para español e francés, respectivamente, e para a súa industria, deixando fóra as linguas das nacións sen Estado.

Netflix ofrece na actualidade un total de 4.339 series, das que unicamente unha, O sabor das margaridas, está en galego. Esta proporción cativa de títulos no idioma propio da Galiza supuxo iniciativas como “Netflix en galego” e que plataformas como A Mesa pola Normalización Lingüística esixan unha maior protección para o galego no sector audiovisual.

A Mesa promove desde hai anos campañas que poñen no foco a necesidade de dotar o galego de mecanismos legais que aseguren o futuro da lingua no audiovisual. Unha reivindicación que tomou forza os pasados meses, mentres se negociaba o contido da Lei do audiovisual.

Comentarios