Calviño, sobre as críticas á lei audiovisual: "O castelán é a lingua que permite un papel poderoso"

A vicepresidenta primeira prometeu escoitar os diferentes puntos de vista que piden máis presencia de galego, vasco e catalán. 
netflix

A vicepresidenta primeira do goberno español, Nadia Calviño, evitou asumir o compromiso de introducir unha porcentaxe de idiomas cooficiais na nova lei española do audiovisual, pero prometeu escoitar os diferentes puntos de vista.

Segundo Calviño, o seu goberno concede unha grande importancia a todas as linguas cooficiais de España, pero tamén sinalou que o español "é a lingua que nos une e que realmente nos permite desempeñar un papel tan poderoso na produción audiovisual en todo o mundo”.

"Quero fortalecer a industria audiovisual e coa nova lei audiovisual temos aínda máis potencial para atraer investimentos das principais plataformas internacionais e, sobre todo, para impulsar a produción nacional", dixo.

Calviño explicouno na sesión de control do Congreso español en resposta a unha pregunta do deputado de ERC Gerard Álvarez. O deputado advertiu de que se non hai unha negociación clara e non se aceptan os termos demandados pola Generalitat e o sector audiovisual catalán, ERC votará en contra da lei.

“Non pedimos nada complicado. Para Cataluña, ter unha lei audiovisual que garanta a supervivencia e a produción en catalán é esencial para salvagardar o futuro da lingua ", dixo.

Estas declaracións chegaron 2 días de que representantes do PP, BNG e PSdeG amosaron esta segunda feira xunto coa Mesa pola Normalización Lingüística no Parlamento de Galiza a petición unánime das forzas políticas galegas para que a nova lei xeral de comunicación audiovisual que ultima o Goberno estatal inclúa o galego nas medidas de protección da dobraxe, da lexendaxe, das audiodescricións e do financiamento anticipado establecidas para o español.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, agradeceu o acordo amosado neste punto polas forzas políticas galegas e recordou que a Lei do audiovisual que se debaterá en próximas datas no Estado é unha transposición dunha directiva europea que busca garantir a difusión e creación nas linguas europeas. "Sen audiovisual non hai futuro para ningunha lingua nin cultura", abondou, "e por iso a lei fixará unha cota mínima de dobraxe, lexendaxe, audidescricións e financiamento de producións no Estado Español por parte das plataformas de emisión audiovisuais (5% de ingresos)".

Comentarios