Xornadas sobre a lingua na ciencia

'Cal é o peso (atómico) do galego?'

“Galiza é referencia na produción de cultura científica por parte de particulares, colectivos, asociacións e universidades”, concluía, en 2018, a Diagnose da cultura galega do Consello da Cultura Galega. Esta realidade é a base da 21ª edición dos Encontros para a Normalización Lingüística da institutición, 4 e 5 de abril na Cidade da Cultura de Compostela. Titúlanse Cal é o peso (atómico) do galego?
 

brillante-ciencia-dorado-414625

“Este ano a cita pon o foco nun terreo no que somos especialmente vizoso, a divulgación científica”, explican desde o Consello da Cultura. Un panorama xeral da divulgación científica e a nosa lingua será a primeira palestra, ofrecida pola xornalista Iolanda Fernández Casal a quinta feira 4 de abril.

A seguir, unha mesa redonda con Javier Balea -mantedor do web Moléculas en galego-, a matemática Elena Vázquez Abal e X. Dosi Veiga, creador da páxina Ceos galegos. A seguinte mesa tratará de como se divulga a ciencia no ensino secundario.

A xornada da sexta feira 5 de abril iniciarase con dous debates, un sobre “ciencia, muller e lingua -moderado pola profesora Marilar Aleixandre e con participantes da Universidade de Lisboa, o Instituto de Investigación Biomédica da Coruña e o Laboratorio de Investigacións Lilly de Estados Unidos- e outro sobre os públicos potenciais da divulgación científica. Haberá ademais, ao longo da mañá, intervencións de experiencias concretas.

A tarde do 5 de abril acollerá un obradoiro de subtitulación en YouTube con Xacobo de Toro e un obradoiro de tradución e edición da Galipedia. O científico Xurxo Mariño ofrecerá a conferencia As miñas linguas e mais eu. Algunhas reflexións sobre a mente e a linguaxe. Voute contar, discurshow de Vicente Mohedano. A presidenta do Consello da Cultura Rosario Álvarez pechará o encontro cunhas conclusións.

“É a primeira vez que os Encontros para a Normalización Lingüística  tratan de maneira específica a divulgación científica en lingua galega”, anuncia a institución organizadora.

Comentarios