Tres de cada catro aulas da USC impártense en castelán

A lingua galega só chega ao 22% do alumnado. No Grao en Medicina emprégase o castelán no 97,64% das horas docentes. 
Estudantes nunha aula da Universidade de Santiago. (Foto: USC)
photo_camera Estudantes nunha aula da Universidade de Santiago (USC).

A lingua galega segue sendo de segunda na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Segundo datos facilitados polo seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL), neste curso académico 2020-2021, un 73,63% do profesorado emprega o castelán, moi por riba do galego que só utiliza un 22,10%.

Por debaixo quedarían o inglés (2,44%), o portugués (0,39%) e outras linguas (1,44%). Estas cifras manteñen esta mala situación desde o curso 2003-2004, período do que se teñen estatísticas. Curiosamente, utilízase máis o galego nos mestrados (32,67%) ca nos graos (21,12%). Non é esta a única diferenza salientábel: o uso das linguas tamén é moi distinto segundo as titulacións. 

Diferente uso do idioma segundo o grao

Non todas as titulación teñen a mesma porcentaxe de uso de idioma. Entre o 0% de uso do galego do Grao adscrito de Relacións Laborais que se imparte en Lugo e o 100% do dobre grao de Mestra de Educación Infantil e Primaria que se atopa en Compostela, sitúanse outros 56 graos.

Porén, só trece deles presentan un uso do galego igual ou superior a 50%, mentres que son 43 os graos en que se usa o castelán como mínimo en 50% das horas docentes. O Grao en Medicina é o de maior número de horas docentes, 103.260, o que supón algo máis da cuarta parte da docencia de todos os graos da USC. Nel emprégase o castelán no 97,64% das horas docentes, e o galego no 2,36%. 

Pola súa banda, 62,94% das 38.694 horas docentes dos 71 mestrados que se están a impartir na USC, son en castelán; 32,67% en galego e 4,39% nos demais idiomas (3,92% en inglés).

En relación aos departamentos, en todos emprégase o galego, aínda que sexa pouco como o 0,02% de Cirurxía e Especialidades Médico-Cirúrxicas ou moito como o 99,87% de Ciencias da Comunicación

O uso do galego en titulacións da área de Ciencias da Saúde (Odontoloxía, Medicina, Farmacia, Enfermaría) é cada vez menor ano tras ano. Pola contra, no cadro de honra no uso do galego seguen campando, ademais de, loxicamente, Filoloxía Galega,  as titulacións da Facultade de Ciencias da Comunicación (Xornalismo e Comunicación Audiovisual), así como outras titulacións de Ciencias Sociais: Educación, Filosofía, Xeografía e Historia.

Comentarios