O BNG propón un Plan de Normalización Lingüística con rango de lei

Con rango de lei. Así quere o BNG que sexa o Plan de Normalización Lingüística que promova o fomento da nosa lingua en todos os ámbitos sociais, económicos académicos e culturais. Con cartaces cos lemas como “Nós amamos o galego” rexistraron a iniciativa no Parlamento esta quinta feira. 

Rexistro da iniciativa
photo_camera Rexistro da iniciativa

O grupo parlamentario do BNG en pleno rexistrou no Parlamento a Proposición de Lei que busca amparar e darlle rango legal ao uso e fomento do galego en todos os ámbitos sociais, económicos, académicos e cultural, non só na Galiza, senón tamén fóra do noso territorio. 

En 87 páxinas, a Proposición de Lei quere “blindar” o Plan de Normalización Lingüística e de protección dos usos sociais da lingua galega e a súa proxección exterior para ser de obrigado cumprimento. 

“A lingua galega está atravesando o peor momento da súa historia”, sinalou a deputada e portavoz de Política Lingüística Ana Pontón que denunciou o descenso de falantes e a exclusión e discriminación nunha situación que definiu como “alarmante”. 

Rectificar unha política "demoledora"

O BNG ten vontade de que a iniciativa acade “o consenso” parlamentar que tivo no seu momento a aprobación do Plan de Normalización diante do risco de “que o galego desapareza”. Malia procurar sumar forzas á iniciativa, a deputada do BNG, Ana Pontón non dubidou en responsabilizar da grave situación pola que atravesa a nosa lingua ás “políticas de destrución aplicadas polo Goberno galego”. Esixiu, polo tanto,  a modificación da política lingüística do goberno de Feijóo e lembrou o incumprimento do plan aprobado por unanimidade no Parlamento hai xa unha década. 

No debate da iniciativa nacionalista, o PP e o goberno da Xunta terán, segundo o BNG, a posibilidade de “rectificar” unha política “demoledora” que acadou as críticas non só da sociedade, senón tamén das institucións relacionadas co idioma e dos propios tribunais. 

En perigo está, engadiu Pontón, o “noso futuro colectivo como pobo”, polo que reclamou, máis unha vez, consenso para “blindar por lei  as medidas contidas no Plan de Normalización da lingua galega”. 

Comentarios