O BNG pedirá ao Goberno explicacións polo veto da RFEF á documentación en galego

Rosana Pérez denunciará no Congreso de Madrid a negativa da Federación de Fútbol, que recibe cartos públicos, a tramitar a ficha dun xogador das categorías de base do Milladoiro por presentar un escrito na lingua propia de Galiza. "Hai unha clara falta de respecto á libre expresión", sinala o Bloque.

Rosana Pérez Fernández
photo_camera Rosana Pérez Fernández

Rosana Pérez, deputada do BNG no Congreso de Madrid, presentou unha pregunta dirixida ao ministro de Educación, Cultura e Deporte, José Ignacio Wert, para demandarle que pida explicacións á Real Federación Española de Fútbol (RFEF) por terlle denegado a licenza de fútbol infantil a un neno por entregar o certificado de empadroamento en lingua galega. Así, a nacionalista critica á Federación Española de Fútbol "por facer gala dun talante antidemocrático impropio da época actual", xa que considera "inaudito que se deniegue unha licenza por entregar documentación en galego".

"A Federación Española de Fútbol fai gala dun talante antidemocrático"

Segundo explica o Bloque, o caso refírese a un menor que estivo varios meses sen licenza de xogador infantil do S.D. Milladoiro, polo que a Federación Galega decidiu expedirle unha licenza provisional que o habilita a xogar namentres non lle fagan unha definitiva a nivel estatal. Respecto diso, a deputada do BNG cre que o xeito de proceder da Federación Española de Fútbol "é absolutamente cuestionábel e censurábel desde o punto de vista democrático". "Nótase unha total falta de respecto cara á libre expresión nas linguas cooficiales do Estado", reprocha.

Así mesmo, Pérez lembrou que a Federación "recibe subvencións públicas", de forma que "o seu xeito de proceder non pode ser alleo ao Goberno, especialmente, cando vulnera dereitos lingüísticos d@s menores".

Comentarios