O BNG exixe á Xunta que deixe o “búnker negacionista” e non promova “unha escola desgaleguizadora”

A voceira de Lingua do Bloque, Mercedes Queixas, considerou que a política lingüística educativa na Galiza é un “fracaso”. En consecuencia, reclamou ao Goberno galego que non limite a lingua do país “a unha foto no día das letras”.

A deputada nacionalista Mercedes Queixas (Foto: Nós Diario).
photo_camera A deputada nacionalista Mercedes Queixas. (Foto: BNG)

O grupo nacionalista amosouse hoxe contrariado polo discurso do conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, que rexeitou que o galego estea nunha mala situación malia os resultados do informe impulsado pola Real Academia Galega (RAG). Así, a deputada Mercedes Queixas demandou á Xunta que abandone o “búnker negacionista” onde cre que está para asumir a realidade da lingua e deixar de “patrocinar unha escola desgaleguizadora”.

Na opinión do BNG a política do Goberno do país sobre o galego é un “fracaso”. Así o remarcou a voceira de Lingua ao falar da estratexia lingüística na educación após preguntar sobre o papel do galego como lingua vehicular.

Fronte ás afirmacións de Rodríguez, Queixas subliñou que fai falla un cambio de políticas para deixar de reducir o galego “a unha foto no día das letras”.

Xa non falou só de que o Goberno de Feixoo tome unha postura activa e de propostas, senón de que ignore tanto a avaliación da Real Academia Galega (RAG) [que revelou que o idioma cae no esquecemento entre a mocidade] como as demandas do Consello de Europa para eliminar as limitacións ao ensino en galego”.

“É preciso restituír as ferramentas que permitan que desde a escola se aprenda o noso idioma”, defendeu nunha intervención no Parlamento, pois xa se comprobou “de forma empírica e científica” que o proxecto da Xunta “non funciona”.

Por outra parte, a representante do Bloque agradeceu ideas como o Proxecto Nós.

Mais aportou a súa puntualización: “Imos poder falar en galego coas máquinas pero o problema é que os nenos e nenas cada vez saben falar menos galego e cada vez temos a menos persoas con competencia lingüística para falarlle ás máquinas en galego”.

Comentarios