O BNG esixe respecto polo galego na sede da Real Academia Española

Activistas e cargos do BNG, entre os que se atopaba a deputada Olalla Rodil, despregaron esta sexta feira unha faixa perante a sede da Real Academia Española en Madrid en que esixían “respecto” polo galego e unha desculpa pública pola deturpación da toponimia.
 

BNG na RAE
photo_camera A deputada do BNG Olalla Rodila perante a faixa que despregou a organización na sede da Real Academia Española en Madrid. Foto: BNG.

“Denunciamos a pertinaz actitude de desleixo e falta de respecto da Real Academia Española cara a Lei de Normalización Lingüística aprobada hai 35 anos por unanimidade no Parlamento galego e cara ao idioma do país”, afirma a organización nacionalista nun comunicado, que ademais rexistrou un escrito de protesta na institución en Madrid.

“A Academia española leva vulnerando esa lei desde hai moito tempo. A mostra máis recente foi nas súas redes sociais”, sinalou a deputada Olalla Rodil, “e o Bloque non está disposto a deixar pasar por alto unha soa falta de respecto más ao país e ao noso idioma. Pedimos que se cumpra a lei”.

Segundo o artigo 10 da Lei de Normalización Lingüística, a única forma legal e oficial da toponimia do país é en galego. “Na Real Academia Española son sabedores das normas que rexen”, expuxo Rodil, que lembrou que a institución está agora dirixida por un galego, Darío Villanueva.

A parlamentaria do BNG cualificou de “despropósito” os argumentos emitidos pola Real Academia Española polos que usos como sangengo, orense ou rianjo serían traducións. "A toponimia só ten unha forma orixinal e xenuína que é en galego", insistiu.

Comentarios