A Baña lembra Daniel García Ramos, maxistrado comprometido co galego na xustiza

20230416_homenaxe_daniel_garcia_ramos_90_anos_nacemento_8

O Concello da Baña e a Irmandade Xurídica Galega homenaxearon este domingo Daniel García Ramos, coincidindo co 90 aniversario do seu nacemento, destacando a traxectoria do fillo predilecto bañense a prol do galeguismo e do rural, sendo o primeiro maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galizaa que empregou o galego nun procedemento xudicial.

O acto, celebrado na Casa de Cultura, foi presidido polo alcalde, Andrés García Cardeso, que estivo acompañado do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; do presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xoaquín Monteagudo Romero; o ex fiscal Superior de Galiza, Carlos Varela García; o maxistrado Luciano Varela Castro e do reitor da USC, Antonio Díaz.

Durante o acto tamén se proxectou o documental Daniel García Ramos, a forza da palabra, realizado pola Irmandade Xurídica Galega en 2005. Tamén se repartiu o público exemplares do libro Daniel García Ramos. A reafirmación en nós mesmos.

Rematadas as intervencións, autoridades e persoas asistentes desprazáronse ata a praza do Concello, onde alcalde, o presidente da Irmandade Xurídica Galega e Inmaculada Ramos, curmá sobriña de Daniel García, depositaron  ante o busto do falecido maxistrado un ramo de flores. Acompañaba o acto os acordes dos gaiteiros da Baña.

Daniel García Ramos naceu na Baña o 16 de abril de 1933. Foi fillo de mestres de escola e neto dun médico rural. Viviu en San Vicenzo e en Marcende ata que aos nove anos marchou a estudar a Santiago e, logo de cursar a carreira de Dereito, a Madrid. Foi alí onde descubriu o galeguismo, que marcará toda a súa traxectoria. Catedrático e xuíz, desenvolveu o seu labor en distintas localidades galegas e españolas ata ser nomeado maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

O compromiso de Daniel García Ramos coa lingua lévao ao longo dos anos a ser un dos primeiros membros fundadores de Xuíces para a democracia, asociación dende a que defende a utilización do galego na administración de xustiza.

Integrouse tamén despois en Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galiza, plataforma que propiciou que en 1987 un pequeno número de xulgados e notarías comezasen a empregar a lingua galega. Foi tamén un firme defensor da pluralidade e a democracia, ademais de reivindicar os montes comunais.

Daniel García Ramos morreu o 23 de febreiro de 1998, aos 64 anos, de forma prematura. O Concello da Baña nomeouno Fillo Predilecto en agosto do ano seguinte.

Comentarios