Avanzos en normalización, mais aínda moito por facer

Radiografía sobre o uso do galego nos concellos pontevedreses

A Mesa e Deputación de Pontevedra presentan unha auditoría sobre o emprego da lingua do país nos municipios da provincia.

auditoria galego deputacion pontevedra a mesa

A Mesa pola Normalización Lingüística realizou para a Deputación de Pontevedra unha auditoría lingüística en que se examina a dispoñibilidade de galego en 61 concellos desta provincia. O traballo fíxose os meses de febreiro e maio de 2017 e nel examinouse o grado de cumprimento das garantías lingüísticas nos municipios. Algo que se avaliou a través de cuestións básicas como os idiomas dispoñíbeis nas páxinas webs, nas redes sociais, nos teléfonos de atención cidadá, a dispoñibilidade de servizos e/ou persoal técnico de normalización, o uso do galego nas actas dos plenos, bandos e impresos de trámites, na banca electrónica ou no apartado de turismo. 

Marcos Maceira, presidente da Mesa, e por Xosé Leal, deputado de Cultura e Lingua da Deputación, presentaron esta cuarta feira as conclusións deste estudo na III Xornada de Normalización Lingüística da entidade provincial. Maceira, asegurou que "en xeral os concellos van avanzando na normalización do galego e adoitan ofrecer a maior parte da atención en lingua galega, se ben é certo que aínda queda por avanzar en implantación de servizos de normalización, e tamén naqueles servizos municipais que se ofrecen a través de empresas externas como a banca electrónica, por exemplo".

Desde a Deputación, de por parte, sinalan que "este documento non só nos permitirá levar a cabo a planificación lingüística axeitada senón que ademais nos debe axudar a deseñar novas fórmulas coas que normalizar por completo o uso do galego nas institucións públicas".

Conclusións

49 dos concellos non disponen de servizo nin de técnicos de normalización lingüística, 12 contan con servizo e con técnico, e 34 están na Rede de Dinamización Lingüística –participan das actividades de dinamización da Xunta.

A prestación de servizos municipais a través de empresas externas, como a banca electrónica ou as concesionarias do servizo de augas, non sempre cumpren co requerido para o galego. No servizo de banca electrónica, as persoas usuarias só teñen a opción de utilizar o galego se a entidade bancaria que colabora neste servizo dispón desa opción lingüística. Así, as persoas que utilicen as plataformas de pagamento de Abanca, Sabadell-Gallego e Caixabank poderán elixir realizar as súas xestións tributarias en galego. Porén, as persoas que utilicen os servizos de BBVA, Banco Pastor, Banco Popular, Banco Santander, Ibercaja Duero e Novo Banco só poderán utilizar o idioma español. Neste sentido, “os concellos e a Deputación de Pontevedra deben actuar para que os bancos, empresas de concesión de servizo de augas e outros cos que traballan ofrezan a posibilidade de uso do galego en trámites esenciais como pagamento de taxas, impostos, multas...” asegurou Maceira.

En canto ao servizo de augas ofrecen atención en galego Aqualia, Viaqua e Consorcio de Augas do Louro, mentres que Gestagua e Espina y Delfín só permiten o español. Sobre esta situación, Marcos Maceira considera que "é responsabilidade dos concellos demandarlle a estas empresas que ofrezan os servizos subcontratados en idioma galego, para garantirlle á súa veciñanza que poidan acceder a estes servizos no noso idioma".

Atención

No que atinxe a atención cidadán telefónica e na páxina web, o galego figura como a opción máis consolidada. Na telefónica, as mensaxes de inicio para remitir ás diferentes áreas de cada concello están gravadas en galego e, nos casos nos que se lle ofrece á persoa usuaria a posibilidade de elixir entre o galego e o español, sitúan a elección do galego en primeiro lugar.

Por último e alén da auditoría, A Mesa detectou un amplo uso do castelán por cargos públicos no exercicio das súas funcións.

Comentarios