xoves 26/11/20

De Augadeiro a Raposiña: os nomes normalizados das constelacións

A Real Academia Galega aprobou unha proposta normalizada e oficial dos nomes das oitenta e oito constelacións recoñecidas pola Unión Astronómica Internacional.

Pola esquerda, Martin Pawley, Manuel González, Víctor F. Freixanes, Rómulo Sanjurjo e Marcos Pérez Maldonado (Foto: RAG)
Pola esquerda, Martin Pawley, Manuel González, Víctor F. Freixanes, Rómulo Sanjurjo e Marcos Pérez Maldonado (Foto: RAG)

 A listaxe, dispoñíbel nesta ligazón, é froito da colaboración entre o Seminario de Terminoloxía e o equipo composto por Salvador Bará, profesor da área de Óptica da Universidade de Santiago de Compostela; Martin Pawley, da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío; e o físico Dosi Veiga, impulsor de Ceos Galegos.

O presidente da Academia, Víctor F. Freixanes, o coordinador do Seminario de Terminoloxía, o académico Manuel González; e o director de Cultura do Concello da Coruña, Rómulo Sanjurjo, presentaron esta quinta feira o resultado deste traballo na Casa das Ciencias.

"Tratamos de consolidar unha listaxe de nomes para as constelacións claramente asociados tanto á súa orixe etimolóxica como ao debuxo que definen no ceo"

"Esta iniciativa paréceme importante polo que significa de seguir a profundar nos traballos que a RAG realiza a prol da incorporación da lingua galega ao ámbito científico, mesmo colaborando con especialistas e institucións que achegan os seus coñecementos, e aos que agradecemos especialmente o seu traballo", valorou Víctor F. Freixanes. 

Inicios

A humanidade comezou a nomear os grupos de estrelas hai moitos séculos co propósito de se orientar ollando o ceo. Ptolomeo describiu no século II a. C. no tratado Hè megalè syntaxis un total de 48. Doce delas son as zodiacais, que figuran entre as máis coñecidas: Augadeiro, Carneiro, Cangrexo, Capricornio, Xemelgos, León, Balanza, Peixes, Arqueiro ou Seteiro, Escorpión, Touro e Virxe. 

Entre as outras 36 abondan as que levan nomes de seres mitolóxicos como Perseo, Andrómeda, Hércules, Orión, Dragón ou Boieiro; e doutros animais (Lobo, Lebre, Serpe...) cuxas siluetas tamén serían evocadas pola unión das estrelas que as compoñen mediante liñas imaxinarias.

A relación de nomes das constelacións aprobada pola Real Academia Galega inclúe xunto a cada forma galega o seu equivalente latino, o empregado a nivel internacional pola comunidade científica, e a abreviatura correspondente.

As designadas con nomes de animais exóticos, como Grou, Tucano, Peixe Voador, Camaleón ou Dourado, constitúen outro grupo de constelacións identificadas na súa maior parte no século XVI por navegantes.

No século XVIII, o astrónomo francés Nicolas Louis de Lacaille albiscou as 14 últimas constelacións, para as que escolleu nomes de instrumentos científicos como Escuadro, Telescopio, Microscopio, Octante ou Retículo. A delimitación definitiva foi realizada fundamentalmente polo belga Eugène Joseph Delporte e aprobada pola Unión Astronómica Internacional en 1930. 

A relación de nomes das constelacións aprobada pola Real Academia Galega inclúe xunto a cada forma galega o seu equivalente latino, o empregado a nivel internacional pola comunidade científica, e a abreviatura correspondente.

"Valor normalizador"

Manuel González salienta tamén o valor normalizador deste traballo. "Para o galego existían, desde hai certo tempo, distintas propostas, pero careciamos dunha normalizada e oficial. E iso é o que ofrecemos agora, despois dun traballo rigoroso de todas as partes", indica o coordinador do Seminario de Terminoloxía.

Salvador Bará, Martin Pawley e Dosi Veiga presentaron unha proposta global cos oitenta e oito nomes á Real Academia Galega, que estudou a través do Seminario de Terminoloxía denominación por denominación. 

"Tratamos de consolidar unha listaxe de nomes para as constelacións claramente asociados tanto á súa orixe etimolóxica como ao debuxo que definen no ceo", detalla Martin Pawley, que incide igualmente no valor normalizador de traballos coma este. "É fundamental a normalización do uso do galego na comunicación e na divulgación da ciencia", considera.

comentarios